A Xunta convoca a 40 artistas emerxentes a ensinar o seu traballo no XIV Encontro de Artistas Novos

No encontro terán a oportunidade de presentar o seu proxecto creativo e compartir aprendizaxes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2024 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A Xunta abriu unha convocatoria para que 40 artistas emerxentes se presenten á décimo cuarta edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN14). No encontro, que se celebrará do día 25 de agosto ao día 29 en Santiago de Compostela, terán a oportunidade de presentar o seu proxecto creativo e compartir aprendizaxes con outros novos artistas.

Ademais do espazo habitual da Cidade da Cultura, os artistas terán a posibilidade de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk, un espazo expositivo non convencional.

Artes plásticas, creación sonora, performance, audiovisual, fotografía ou deseño téxtil son algunhas das modalidades que practican estas novas figuras da arte contemporánea, que, de ser escollidas, participarán nunha estancia de catro días no Gaiás --con todos os gastos cubertos-- na que coñecerán a artistas con traxectorias consolidadas que achegarán a súa visión e relato.

O prazo para realizar a solicitude estará aberto ata o día 24 de maio ás 14,00 horas e está dirixido a estudantes ou graduados nalgún tipo de ensino artístico, así como a profesionais que demostren unha traxectoria ou proxecto creativo, nacidos entre 1989 e 2006. Así mesmo, 10 das prazas estarán abertas a maiores de 35 anos.

Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta