O mar non coñece fronteiras: "Ti tiras unha cabicha ao chan en Madrid e pode acabar nunha praia de Galicia"

Elsa Astor Álvarez-Ossorio, da asociación We Sustainability, apunta que o que máis lles escandaliza cando van realizar recollidas de residuos ás praias é "a gran cantidade de lixo que atopan de xente que usa o inodoro coma se fose unha papeleira". Toparon de todo, "dende bastonciños para os oídos ata produtos de hixiene íntima e unha cantidade descomunal de toalliñas húmidas".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/03/2024 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

As praias galegas sofren as verteduras de residuos dos propios galegos e tamén do resto de persoas do Estado español, dá igual que vivan na costa que no interior do país. E é que o mar non coñece de fronteiras e todo o que se desbota en aguas residuais remata no mar, tras pasar polos ríos. Mesmo o que está nas rúas, se non é recollido a tempo, como ocorre coas cabichas, pode rematar nos sumidoiros das cidades, que desembocan nos ríos e, de aí, ao océano. Deste xeito, e aínda que pareza inconcebible, nas praias galegas vemos cabichas e plásticos que foron tirados nelas, pero tamén cabichas e plásticos chegados dende cidades tan lonxanas como Madrid. Dende Galicia Confidencial reflexionamos con Elsa Astor Álvarez-Ossorio, de We Sustainability sobre esta delicada situación.

Restos de lixo na praia de Orzán
Restos de lixo na praia de Orzán | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Cóntanos que durante as recollidas que organizan dende a asociación "o máis habitual é que nos topemos sempre con artes de pesca, pero tamén con moitos restos de plásticos en xeral e, especialmente, cabichas". E sobre estas últimas, Elsa fai fincapé no feito de que "moita xente cre que todas as cabichas que aparecen no mar foron abandoadas por bañistas que foron á praia e as tiraron alí e alí se quedaron, cando non ten por que ser así necesariamente". Así, explica que "unha cabicha tirada ao chan nunha cidade, se ninguén a recolle e chove, remata no sumidoiro, remata no mar". Tendo en conta que "antigamente se cría que unha cabicha podía contaminar ata 300 litros de auga pero os últimos informes xa apuntan a que pode chegar a contaminar ata 10.000 litros, estamos ante unha problemática tremenda": "Ti tiras unha cabicha ao chan en Madrid e, se ninguén a recolle, o máis probable é que remate no mar, en Galicia ou en calquera outro punto".

"EN MADRID, TRES DE CADA CINCO VASOS DE AUGA DA BILLA LEVAN NICOTINA" 

Pon o exemplo de Madrid, unha cidade que "ten fama de ter unha auga de boísima calidade", e afirma que "tres de cada cinco vasos de agua de Madrid están contaminados con nicotina". A problemática está lonxe de solucionarse, pois "aínda que a ninguén se lle ocorre comerse unha bolsa de patatas e tirala ao chan, si é moi habitual estar nunha terraza dun bar, fumar un cigarro e tirar a cabicha ao chan, e ninguén se vai sorprender, a ninguén lle vai alarmar, porque está como socialmente aceptado, sen saber as consecuencias terribles que iso ten". Elsa destaca que, "as cabichas, aparte de todos os tóxicos que levan, están feitas de plástico, que tarda anos e anos en degradarse". Lamentablemente, considera que "en España temos con isto un problema moi grave e vainos custar atallalo, porque está socialmente aceptado e ninguén se sorprende de que así sexa".

"OS RESIDUOS QUE SE BOTAN AO INODORO ACABAN XERANDO TAPÓNS NAS PLANTAS DE TRATAMENTO, QUE ACABAN POR VERTELOS DIRECTAMENTE AO MAR"

Recollida de lixo nas praias organizada por Adega
Recollida de lixo nas praias organizada por Adega | Fonte: ADEGA - Arquivo

Ademais de cabichas, durante as recollidas tamén se atopan con moitas botellas de plástico enteiras, non só cos seus habituais tapóns. Pero, sen lugar a dúbidas, o que máis lles escandaliza é a gran cantidade de residuos que atopan de "xente que usa o inodoro coma se fose unha papeleira", conta Elsa, que indica que toparon de todo, "dende bastonciños para os oídos ata produtos de hixiene íntima e unha cantidade descomunal de toalliñas húmidas". As augas do inodoro, como explica esta ambientalista, "a diferenza das que van aos sumidoiros, teñen un tratamento posterior nas plantas de tratamento de augas residuais". Pero, como apunta, "estas plantas non están preparadas para recibir este tipo de residuos, porque nunca deberon acabar aí, polo que moitas veces acaban creando tapóns e, por desgraza, a única solución que atopan dende estas industrias para libralos é verter directamente ao mar". De aí que as toalliñas húmidas e os bastonciños dos oídos tamén sexan un residuo moi habitual nas praias.

"CHEGAMOS A SACAR DO MAR REDES FANTASMA, ENTRE 100 E 200 QUILOS"

E a todo isto hai que sumar os tan frecuentes restos de pesca, de sedais, de redes, de nasas e de paus de batea. A presenza destes paus creceu expoñencialmente nos últimos anos, porque, segundo explica Elsa, "antigamente estaban feitos de madeira, a man, e non eran un residuo como tal porque non contaminaban, pero a día de hoxe como é moito máis sinxelo e barato producir en cadea e facelos de plástico, á hora de subir os cabos ás embarcacións ás veces enrédanse cos paus das bateas e rematan por caer ao mar". Ela non pensa que os traballadores sexan os que os tiran de xeito voluntario, senón que "é ao recollelos que algúns se desprenden". Pero, sen dúbida, a día de hoxe o que máis se seguen atopando son "redes de pesca e sedais, moitos dos cales levan moito tempo no mar, porque se crean como marañas moi grandes, e tamén sacamos algunha que outra vez redes fantasma (provintes xeralmente de prácticas de pesca ilegais), como entre 100 e 200 quilos de redes fantasma". 

"SEGUE HABENDO PÉLETS TANTO DA ÚLTIMA VERTEDURA COMO DE ANTERIORES"

E non hai que esquecerse tampouco de que os pélets (granulados ou microplásticos) seguen aí. Non só os que se corresponden coa vertedura última do 'Toconao', senón tamén os que levan moito máis tempo nas praias. "Nós atopamos pélets tanto desta última vertedura como doutros anteriores, porque son facilmente identificables e diferenciables (están máis amarelentos e desgastados os que son máis antigos), e había de moitos tipos distintos, todos diferentes", conta Elsa dende We Sustainability despois dunha recollida que fixeron o pasado sábado na praia de Bens (entre Arteixo e A Coruña), na que retiraron, a pesares do mal tempo e do forte vento, 83,53 quilos de residuos nunha hora. 

Cabicha nunha praia
Cabicha nunha praia | Fonte: IEO - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta