Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2024 | Actualizada ás 18:17
Sumar Galicia configurou este sábado o seu novo equipo directivo, composto por 14 persoas entre as que se inclúe a exportavoz no Congreso e candidata nas eleccións galegas do 18 de febreiro, Marta Lois, e no que Paulo Carlos López continuará exercendo de portavoz. O partido na comunidade galega do proxecto político da vicepresidenta Yolanda Díaz, que este mesmo sábado daba a coñecer os nomes da súa candidatura para a dirección de Sumar a nivel estatal, dá así pasos cara á súa configuración orgánica, ata este sábado unicamente composta por un grupo promotor do que parte agora a elección da Dirección Permanente.
Este órgano asume as competencias executivas do partido e terá como misión o deseño do proceso para a "expansión territorial" da formación e a súa "consolidación organizativa", que prevén culminar na primeira asemblea autonómica de Sumar Galicia, prevista para finais de ano, segundo recolle un comunicado emitido tras a reunión do seu grupo promotor, que continuará "tendo funcións políticas". Deste xeito, segundo a lista á que tivo acceso Europa Press, o actual portavoz, Paulo Carlos López, seguirá exercendo este rol dentro da dirección de Sumar Galicia, que inclúe á exportavoz no Congreso Marta Lois e os deputados nas Cortes Verónica Martínez Barbeiro e Manuel Lago.
Todos eles forman parte da candidatura oficialista á dirección estatal de Sumar liderada por Yolanda Díaz de cara ao congreso fundacional do próximo 23 de marzo, unha cita para a que este mesmo sábado ten lugar en Santiago a única en Galicia das máis de 50 asembleas preparatorias para a cita por toda España. Celebrada a porta pechada no compostelán barrio das Fontiñas, nela serán debatidos os documentos para o conclave estatal de dentro de dúas semanas. A cabeza de lista por Pontevedra nas galegas de febreiro e exsecretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, e o exdiputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada tamén forman parte dunha dirección galega que completan Rocío Núñez, Carme Casado, Pablo Calviño, Manuel Seijas, Mercedes González, Alicia Carreira, Estevo Sánchez e Gloria Alonso.
20 ENCONTROS
No seu comunicado, Sumar Galicia explicou que ten previstos a celebración de 20 encontros "ao longo da xeografía galega" dentro da preparación para o I Asemblea Nacional de Sumar, un proceso no que se marcan como meta a "activación" dos case 4.000 inscritos que a organización di ter en Galicia.
Ademais de pilotar este camiño, a executiva encargarase da redacción dos documentos éticos, políticos e organizativos cos que, en palabras do seu portavoz, queren "construír a organización que máis se pareza á Galicia progresista" e que definirá a "relación" con Sumar a nivel estado dentro dun modelo federado.
Por último, tamén apunta que a dirección estará "a disposición" tanto dos dous deputados galegos no Congreso, aos que "trasladará demandas e propostas para a defensa dos intereses de Galicia" nas Cortes, como dos ministerios que ocupan membros electos polo proxecto de Yolanda Díaz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.