Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2024 | Actualizada ás 15:59
Representantes de 16 asociacións de escritores e escritoras de todo o Estado e en distintas linguas participarán este venres e sábado, días 15 e 16 de marzo, nunha conferencia en Soria, na que constituirán unha plataforma para canalizar as súas demandas ás administracións públicas. En concreto, o venres, día 15 de marzo, procederase á lectura da acta fundacional da Conferencia e da plataforma, ademais dunha declaración contra a censura, pola liberdade de expresión e de creación literaria e artística, tal como establece o artigo 20 da Constitución.
Tras iso, a plataforma farase pública ao día seguinte. Polo momento, o borrador contempla, de forma "prioritaria", a culminación do Estatuto do Artista con "pleno cumprimento dos compromisos" en materia de pensións e dereitos de autoría, cotización de autónomos e fiscalidade, cun capítulo que contemple "ingresos derivados da propiedade intelectual". Este Estatuto parte dun informe proposto por varias das entidades que conformarán a plataforma e que foi aprobado por unanimidade polo Congreso dos Deputados en abril de 2019.
Tamén se esixirán modificacións lexislativas segundo as directivas europeas sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital, a retribución a autores e xornalistas polo uso dos seus contidos en Internet, así como a actualización das tarifas por préstamo bibliotecario. Igualmente, reclamarán transparencia na venda, compensacións económicas por colaboracións con medios de comunicación e actos culturais e unha xurisdición de propiedade intelectual.
HOMENAXE A ANTONIO MACHADO
Doutra banda, o acto farase en homenaxe ao poeta Antonio Machado no 85 aniversario do seu exilio e da súa morte, pola significación que tivo Soria na súa obra e na difusión dunha poesía comprometida coa dignidade persoal e colectiva cos dereitos humanos. Manuel Rico e Luís Landero, Premio das Letras Españolas 2022 conversarán sobre o oficio do escritor. Así mesmo, os cantautores Moncho Otero e Rafa Moura porán música a poemas de distintos autores e distintas linguas do Estado co concerto 'La voz plural de los poetas'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.