Por Amanda Fernández | Compostela | 14/03/2024 | Actualizada ás 14:00
Este xoves día 14 de marzo celébrase o Día Mundial da Endometriose, a denominada "epidemia oculta". Desde o 2015, a asociación Querendo-Mulleres con Endometriose, conciencian sobre esta cuestión e xa son máis de 100 socias. Esta patoloxía afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, que en Galicia son arredor de 60.000 mulleres. Para coñecer máis sobre a enfermidade, contactamos con Cristina Fernández, membro da directiva de Querendo, que explica en que consiste: "É o crecemento das células, similares ás do endometrio, que é a capa interior do útero, que no canto de estar aí, están noutras localizacións, como poden ser órganos ou tecidos. Compórtanse como se estivesen no propio endometrio do útero, entón antes de vir a regra, estas células inflámanse un pouco e énchense de sangue e se están no útero, coa regra caen, pero se están noutros órganos ou tecidos, esa sangue vaise acumulando formando pequenos quistes ou implantes, que dependendo de onde estean situados, poden producir moitísimas dor".
Para detectala, os síntomas claves da endometrose, segundo explica, son unha dor incapacitante, que "che impide facer unha vida normal e que non pasa cun ibuprofeno ou analxésico habitual" e a infertilidade, xa que apunta a que "entre o 30 e o 50% das mulleres con infertilidade presentan endometriose". Fai fincapé no moito que se demora no tempo o diagnóstico desta patoloxía: "O tempo de medio de retraso no diagnóstico son oito anos, na asociación temos mulleres que tardaron 23 anos en telo. Asistiron as súas revisións, foron a Urxencias queixándose da súa dor de regra porque non podían máis e tardaron tanto en saber que era endometriose, que cando quixeron quedar embarazadas, xa non podáin porque era tarde".
Por que se demora tanto o diagnóstico? "Iso nos preguntamos nos tamén, ten moitas causas, a dor da regra está demasiado normalizada, un factor que pode retrasar o diagnóstico. Os profesionais, os xinecólogos, cos que falamos das áreas sanitarias de Galicia, pídennos máis formación. Desde as institucións ou Sergas deberían de estar máis actualizados nos contidos. Cunha boa historia clínica, cun bo ecógrafo e sabendo o que buscas, unha resonancia, ou cun marcador, que é o CA 125, que se dá alto, é case seguro unha endiometrose. En conclusión, hai ferramentas".
COMO É A VIDA CON ENDOMETRIOSE?
Cristina destaca que na asociación, hai mulleres que teñen endometriose en varios órganos ou tecidos, o máis habitual é na zona da pelve ou xona abdominal, pero hai quen ten endiometrose no pulmón, nos riles ou "no embigo, que cada vez que ten a menstruación, sangan polo embigo... É tremendo". No ámbito sexual, Cristina explica que a endometriose, dependendo de onde estean os implantes, por exemplo, se están situados no tabique rectovaxinal, que é unhas das localizacións habituais, aí pode ser que dependendo da postura "nas relacións sexuais con penetración, pode resultar moi dolorosa".
En canto ao tratamento, dependerá do grao da doenza. "Ten catro graos, nos máis leves, podes incluso non ter moitos síntomas, pero nos casos máis graves, é totalmente incapacitante para ter moitas veces unha vida profesional porque algunhas das sociais perden os seus traballos", denuncia e engade que se lles fan contratos temporais e, debido a que non poden acudir algún día ao traballo e demais, perden os seus traballos. Por outro lado, no ámbito social e persoal, as mulleres con endometriose en grao catro, "téñeno moi complicado".
XORNADAS DIVULGATIVAS CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL
Con motivo do Día Mundial da Endiometrose, o sábado 16, Querendo realiza unha xornada de divulgación en Lugo, xa que cada ano soen realizala nunha área sanitaria. Cristina expón o programa: "Pola mañá temos dúas ponencias, unha é de Jorge Alonso, que é xinecólogo da consulta específica do HULA e a outra é Sara Iglesias, presidenta de Querendo e fisioterapeuta, que falará da importancia do solo pelviano. Despois, leremos un manifesto e teremos unha pequena concentración na Praza Maior e, xa pola tarde, teremos a inauguración da exposición fotográfica do colectivo Tecendo. Son tres artistas, tres mulleres con endometriose, dúas delas son socias de Querendo, e entendemos que plasman perfectamente nas súas composicións o que é vivir con endiometrose, da dor e moitas veces como nos chegamos a sentir".
Contan coa colaboración dos catro colexios farmacéuticos de Galicia, que imprimen os seus dípticos, con información avalada pola Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía para estar en todos os mostradores das farmacias de Galicia. Continuando coa divulgación, tamén realizan diferentes charlas, nas bibliotecas tamén poñen un recuncho con libros que tratan específicamente a endiometrose, ademáis dos dípticos e carteis. "Estamos moi contentas", expón Cristina.
REIVINDICAN MAIOR ESFORZO POR PARTE DAS INSTITUCIÓNS
Desde a asociación reivindican que se aínda que se van dando pasos, son moi lentos e supoñen un constante "pico e pala". Por parte das instucións competentes, que deberían ser a Consellería de Sanidade e demáis, consideran que "os pasos son nulos". Cristina, neste sentido, di que todo o esforzo vén das mulleres de Querendo, que son as que percorren o país, dando charlas en concellos, asociacións e mandando dípticos. "Botamos moito en falta o apoio das institucións, que en realidade, xa é a súa responsabilidade".
Xa para rematar, que consello lle daría a unha muller que presenta dor durante a menstruación e ten dúbidas? "O primeiro é que todos sabemos que a dor é un sinal de alarma do noso corpo, e a dor de regra, incapacitante, non é normal e hai que acudir ao médico. Existe unha guía de atención a mulleres con endiometrose, do Sistema Nacional de Saúde, que sacou no 2013 e vai tendo actualizacións. Nesa guía explica como ten que facer desde o médico de atención primaria que nos atende por primeira vez polas dores de regra. Que lean esa guía e que saiban que a dor de regra non é normal, que aquí estamos as mulleres de Querendo para todo o que precisen, temos teléfono e mail, que nos chamen ou escriban, para o que queiran que estamos aquí a súa disposición". Lanza unha mensaxe clara para concluír a modo de lema: "Que non queden na casa, que levanten as mans pola endiometrose, como facemos nos!.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.