Arrincan os traballos para deseñar o Plan Director da Industria Metalmecánica

Trátase dun dos sectores declarados estratéxicos polo Goberno galego, xunto coa industria da automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria do TIC e o da loxística.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, reuniuse co secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, para comezar os traballos de elaboración do Plan Director da industria metalmecánica. Tal e como lembrou a Xunta, trátase dun dos sectores declarados estratéxicos polo Goberno galego, xunto coa industria da automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria do TIC e o da loxística, algúns dos cales tamén contarán con participación de Asime na elaboración dos seus plans directores específicos.

Despois de pór en marcha, nas últimas semanas, os traballos para elaborar os plans directores do sector naval, da automoción, das industrias TIC e da loxística, impúlsase agora o procedemento de elaboración e aprobación do correspondente ao ámbito metalmecánico, no que, como primeiro fito, levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas.

Ademais, na elaboración do plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso de Asime. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade. O plan contará con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.

Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.

Fábrica de coches
Fábrica de coches | Fonte: UGT FICA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta