Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/03/2024 | Actualizada ás 22:00
De seguro che soa esa frase de: 'non nos entendemos, estamos nos antípodas' (si, en galego é masculino). É un dito moi común e, aínda que se sobreentende perfectamente o seu significado, algunha vez te paraches a pensar verdadeiramente no que son os antípodas? En xeografía, os antípodas son o lugar da superficie terrestre diametralmente oposto ao outro lado, é dicir, o lugar da superficie terrestre máis afastado do punto no que no que nos atopamos. Dito douto xeito, se comezásemos a furar cara abaixo no lugar no que estamos, en que outro punto da Terra sairíamos? O máis habitual, e tendo en conta que un 70 % do planeta está cuberto por auga, sería que saísemos nalgún mar ou océano, pero España é dos poucos países no mundo que ten os seus antípodes en terra. En Nova Zelandia, para ser máis concretos, a onde chegaríamos tras atravesar uns 20.000 quilómetros polo interior do globo. Agora ben, dende o Galicia Confidencial quixemos comprobar en que punto exacto sairíamos partindo de cada ciudade galega. Tes curiosidade? Pois aquí tes a resposta, utilizando antipodesmap.com.
NOVA ZELANDIA: UNHA ILLA IDÍLICA CON BAIXA CORRUPCIÓN E ALTA DEMOCRACIA
Primeiro comecemos por coñecer un pouco máis Nova Zelandia. Trátase dunha illa de Oceanía localizada no suroeste do océano Pacífico, a uns 2.000 quilómetros de Australia, no mar de Tasmania, formado por dúas grandes illas, a Illa Norte e a Illa Sur, xunto a outras moitas illas menores, destacando entre elas a Illa Stewart e as Illas Chatham. Tamén inclúe as Illas Cook e Niue (estados autónomos en libre asociación), e Tokelau. Os seus veciños máis próximos son Nova Caledonia, Fidxi e Tonga. No país habitan algo máis de 5 millóns de habitantes e a súa poboación é, maioritariamente, de ascendencia europea. Os indíxenas maorís son a minoría máis numerosa, e os asiáticos e polineis tamén son minorías significativas, especialmente nas zonas urbanas. Aínda que ten tres idiomas oficiais, o máis falado con diferenza é o inglés. Cabe destacar que as súas cidades sitúanse entre as de mellor calidade de vida no mundo.
O país é unha monarquía parlamentaria gobernada na actualidade por Carlos III, o tamén rei de Inglaterra, debido a que foi durante moitos anos unha colonia inglesa, o seu primeiro ministro é Christopher Luxon e a súa actual gobernadora é Cindy Kiro. Nova Zelandia é un país altamente desenvolvido que se sitúa en lugares altos dentro de escalas internacionais sobre moitos temas, incluíndo a ausencia de corrupción, o nivel de educación e a liberdade económica, pero, sen dúbida, entre o que máis resalta, está o seu índice de desenvolvemento humano, que se situou no sexto do mundo en 2012, e os seus índices de democracia, pois é un dos países máis libres do mundo e con maior respecto polos dereitos civís do mundo. O seu clima é temperado, principalmente oceánico, con temperaturas anuais medias que van dende os 10 graos no sur ata os 16 graos no norte. Entre a súa biodiversidade, destacan especies tan curiosas e únicas como o kiwi, o kakapo e o takahe.
DE A CORUÑA AO LAGO COLERIDGE, EPICENTRO DUN TERREMOTO EN 1946
Coñecido por enriba o país, agora si, en que punto sairemos del partindo de cada cidade galega? Dende A Coruña imos dar ao ladiño do Lago Coleridge, no interior da rexión de Canterbury, na Illa Sur do país. Este lago ten unha superficio de 47 quilómetros cadrados (11 quilómetros como máximo de lonxitude e 4,8 máximo de ancho), 200 metros de máxima profundidade e está situado nun val moi fondo formado por un glaciar fai máis de 20.000 anos, no Pleistoceno. Actualmente hai no lago un pequeno asentamento humano. Ademais, é o lugar dun dos primeiros proxectos hidroeléctricos do país, a central eléctrica de Coleridge, rematada no ano 1914 e construída principalmente para suministrar enerxía a Christchurch. A modo de curiosidade, o lago foi o epicentro do terremoto de magnitude 6,5 que se produciu o 26 de xuño de 1946.
DE FERROL A PRETO DO MONTE THIRTEEN MILE BUSH E AS CASCADAS WASHPEN
Dende Ferrol saímos un pouquiño máis ao leste do Lago Coleridge, concretamente preto do Thirteen Mile Busch, un monte no que hai moita práctica de senderismo e rutas polas que pasear entre a natureza. E, collendo cara o sur en lugar de cara o norte, atopámonos cunha fermosas cascadas, chamadas Washpen Falls, en terreo privado pero cuxa familia permite o paso a visitantes ofrecendo tamén estancia.
DENDE LUGO AO MONTE ASHLEY, PERFECTO PARA OS AMANTES DO SENDEIRISMO
E dende Lugo iríamos parar ao centro da rexión de Canterbury, preto do monte de Ashley, moi empregado tanto por turistas que queren desconectar e se collen un aloxamento na natureza como tamén por sendeiristas. O bosque como tal foi plantado no ano 1939, está xestionado por Rayonier Matariki, é dicir, tamén é privado, e só é accesible ao público cun permiso. Na zona viven ao redor de 600 persoas.
DENDE SANTIAGO AO LAGO KANIERE, ONDE OS NATURISTAS SE BAÑAN ESPIDOS
Partindo agora dende Santiago, cambiamos de rexión, de Canterbury pasamos á Costa Oeste. Quedámonos xusto na fronteira entre ambas rexións, á altura do Parque Nacional do Paso de Arthur, establecido en 1929 convertíndose no primeiro parque nacional da Illa Sur e no terceiro do país, e hoxe en día atravesado pola estrada estatal 73, precisamente a carón da cal imos dar dende Santiago. O lugar turístico que nos queda máis preto sería o lago Kaniere, outro lago glacial de 15 quilómetros cadrados (8 como máximo de longo e 2 como máximo de ancho) con case 200 metros de profundidade rodeado polas tres beiras por montañas. Para moitos é o máis bonito dos lagos da Costa Oeste e é un popular destino vacacional. Como curiosidade, hai moitos naturistas que usan o lago ocasionalmente para nadar espidos, porque Nova Zelanda non ten praias nudistas oficiais, xa que a ir espido publicamente é legal en calquera praia.
DENDE VIGO Á PRAIA DE PUNAKAIKI COAS SÚAS ROCAS DE 'CREPES'
Dende Vigo, lamentablemente, caeríamos no mar de Tasmania, preto da praia e da reserva mariña de Punakaiki, tamén na rexión da Costa Oeste do país, polo que se somos bos nadadores, igual compensa, tendo en conta a espectacularidade deste lugar. Atópase ás portas do parque nacional de Paparoa e ten as rocas de 'crepes' ('Pancake Rocks') como unha importante atracción turística, formación caliza creada pola erosión do mar que penetra no lugar durante a marea alta por medio de 'géiseres' marítimos verticais. A propia pedra caliza componse de capas duras e brandas (animais mariños e sedimentos de plantas) alternadas.
DENDE OURENSE AOS LAGOS DE NELSON, PERFECTOS PARA PESCAR E ACAMPAR
E dende Ourense imos dar moi pretiño do Parque Nacional dos Lagos de Nelson, establecido no ano 1956 e que abarca uns 1.020 quilómetros cadrados. Atópase entre dous lagos, Rotoiti e Rotoroa. Inclúe vales dos arredores e cadeas montañosas e é unha zona natural espectacular moi popular para acampar e para realizar actividades como a pesca.
DENDE PONTEVEDRA A UN MONUMENTO EN RECORDO DE 29 MINEIROS MORTOS
Finalmente, dende Pontevedra iríamos parar a unha zona de vexetación no medio da Costa Oeste, pero cun punto de interese moi próximo: a pedra conmemorativa do río Pike. Foi inaugurada o 19 de novembro de 2011 e trátase dunha lápida conmemorativa en Greymouth para lembrar aos 29 homes que perderon a vida nunha explosión mineira no 2010. Ningún dos seus corpos puido ser recuperado da mina subterránea. Dende o día da explosión desatouse unha batalla polo acceso á mina, que vai moito máis aló das razóns de seguridade citadas nun principio e que se volve unha loita legal e política. Existe unha proposta para incorporar o terreo mineiro no Parque Nacional de Paparoa e o gran paseo en construcción incluiría tamén o lugar da mina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.