Pacientes do CHUS acudirán á Valedora do Pobo para denunciar meses de atraso nas revisións oncolóxicas

Os atrasos, que segundo denuncian non se deron nin "no peor da pandemia de Covid-19", débense á falta de persoal. O Sergas admite o problema.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

Un grupo de pacientes do Hospital Clínico de Santiago acudirán este luns á Valedora do Pobo para denunciar que as revisións oncolóxicas ás que tiñan que someterse levan varios meses de atraso. Unha situación que, segundo lles comentaron cando reiteradamente pediron explicacións, se debe a problemas de persoal.

Aida Castro, á que o ano pasado diagnosticaron dun cancro de mama, é unha das afectadas. "Loitamos contra un cancro, imos loitar o que faga falta para que nos fagan as revisións que nos corresponden", asegura a Europa Press. Castro someteuse a quimioterapia entre os meses de marzo e xullo, e en agosto operárona. En setembro tivo a primeira consulta, na que lle dixeron que o tumor estaba en remisión.

Tras esta, debía tocarlle unha revisión aos tres meses, o 20 de decembro, pero a marzo de 2024 aínda non a chamaron. "Puxen unha reclamación e recoñeceron que había un problema temporal, por axustes de persoal, e que daban prioridade, por criterios clínicos, a casos non demorables", explica. Recentemente, dirixiuse á Xerencia da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, pero a contestación foi parecida. "Entón xa si que estou desesperada", manifesta a Europa Press, consciente de que, nas enfermidades oncolóxicas, "o tempo é vida ou morte".

Aida Castro pregúntase se "cada vez que haxa un problema de persoal vai pasar isto". De ser así, "teranse que reformular se hai que ampliar" o servizo de Oncoloxía.

"A PRIMEIRA VEZ" QUE OCORRE

Outra das afectadas chámase Rosana Fernández, que foi diagnosticada de cancro de mama en dúas ocasións: en 2015 e en 2020. Tivo a súa última revisión en abril de 2023, hai case un ano, e a seguinte tocáballe en outubro, aos seis meses. Con todo, tampouco a chamaron e, en declaracións a Europa Press, asegura que "é a primeira vez" que lle pasa desde 2015, posto que as súas revisións non se demoraron nin no peor da pandemia de covid-19.

No seu caso, as consultas xa son cada seis meses, pero ese é precisamente o tempo que leva de atraso. Xa lle estrañou entón que, por primeira vez, en lugar de porlle unha data para a seguinte consulta, lle dixeran que "xa a chamarían".

Cando preguntou a que se debía, tamén alegaron que era por problemas de persoal, pero a día de hoxe segue con esta "incerteza". Máis aínda tendo en conta que xa tivo unha recaída aos cinco anos da primeira vez que a diagnosticaron: "Por iso estou máis alerta". "Esiximos que nos dean unha resposta e que poñan as medidas necesarias", demanda Fernández. Tanto ela como Aida Castro, xunto con outros afectados, acudirán este luns a expor o seu caso ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño.

RUEDA PROMETEU "LIQUIDALO"

Sobre este tema pronunciábase este xoves o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, ao ser preguntado na comparecencia posterior á reunión semanal do seu goberno. "Non coñezo este tema concreto", respondeu.

Iso si, o mandatario autonómico prometeu que, se houbo "algún tipo de fallo" para que aconteceran estas demoras, tentaría "liquidalo" para seguir sendo "especialmente rápidos" ante estas enfermidades. "Eu sempre digo que a sanidade pública ten unha enorme calidade e hai que tela, especialmente, en casos nos que realmente necesitas que sexa eficiente", dixo.

Hall principal do Hospital Clínico de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Hall principal do Hospital Clínico de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Así mesmo, Rueda reivindicou que o Sergas fai un esforzo "moi destacable" polos pacientes oncolóxicos no que respecta a diagnósticos, cribados e tratamentos, para así actuar "canto antes".

O SERGAS ADMITE O PROBLEMA

O Sergas recoñece que o servizo de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) ve afectada "temporalmente" a súa "capacidade asistencial nas citacións das revisións debido a un "reaxuste de persoal derivado do proceso de estabilización laboral dos profesionais e debido as diversas circunstancias do seu cadro de persoal".

Así o explican fontes do Sergas a Europa Press despois de que un grupo de pacientes do CHUS anunciase que acudirán este luns á Valedora do Pobo para denunciar que as revisións oncolóxicas ás que tiñan que someterse levan varios meses de atraso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta