Fillas de Cassandra e Tanxugueiras unen forzas no seu novo tema 'Quen é a que canta?'

Unha oda á nenez e ás relacións de amizade que crecen cómplices entre amigas, pero tamén ao "descubrimento deses monstros e desas fadas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2024 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Fillas de Cassandra e Tanxugueiras unen forzas e estrean este venres o tema 'Quen é a que canta?', unha oda á nenez e ás relacións de amizade que crecen cómplices entre amigas, pero tamén ao "descubrimento deses monstros e desas fadas".

Segundo explican nun comunicado, no single móstrase a infancia como un lugar tenro e sorpresivo, "onde todo é novo e tamén, por ese motivo, desconcertante". A colaboración supón unha unión artística moi esperada entre dúas das agrupacións musicais máis importantes de Galicia dos últimos tempos.

Destacan que o tema anima a facer o exercicio de "atoparse nos ollos da nena que fomos e facernos sentir orgullosas do que somos hoxe". "En Quen é a que canta? as nosas nenas internas mírannos con orgullo desde dentro, á vez que rendemos tamén homenaxe ás nosas nenas pasadas, ás que algún día fomos e que souberon soñar na soidade dos seus cuartos con todo o que agora somos e vivimos", explican Aida, María, Olaia, Sabela e Sara.

A idea do xogo de palmas, presente tanto na canción como no vídeo do que se acompaña, funciona aquí como "síntese dun tempo idílico que queda conxelado na memoria".

"Fronte á tensión, ansiedade aos medos do mundo adulto, sobrevive ese recordo como un espazo seguro ao que volvemos para sanar e reconciliarnos connosco mesmas", apuntan as artistas.

Tanxugueiras e Fillas de Cassandra. THE OFFICE
Tanxugueiras e Fillas de Cassandra. THE OFFICE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta