Especies invasoras: un xenxibre chegado do mesmísimo Himalaia pon en xaque as Fragas do Eume

A pesares de estar incluído no catálogo de especies invasoras, continúa comercializándose. O investigador botánico da UDC Jaime Fagúndez asegura que o seu perigo atópase en que pode desprazar especies autóctonas como algunhas variedades de fieitos que só se dán nesta zona.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 12/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Sabías que en Galicia hai unha planta procedente da mesmísima cordilleira do Himalaia, onde se atopa o Everest, a montaña máis alta do planeta? Pois si, trátase do xenxibre do Himalaia ('Hedychium gardnerianum'), tamén coñecida como xenxibre hawaiano, e é ben bonita: ten unhas grandes flores amarelas que durante moitos anos, e aínda na actualidade, fixeron as delicias dos amantes da xardinaría. Unha mágoa que se trate dunha especie invasora que quita espazo a plantas autóctonas moi especiais, que só se dan en zonas da nosa terra cunhas condicións moi específicas. Dende o Galicia Confidencial falamos con Jaime Fagúndez, botánico da Universidade da Coruña (UDC), para que nos explique máis en fondura as súas características e a súa perigosidade, nun novo capítulo da nosa serie sobre especies invasoras.

Fragas do Eume
Fragas do Eume | Fonte: Arquivo

Como nos conta, a orixe desta especie está no Himalaia, aínda que o seu hábitat nativo está, en xeral, "nos bosques húmidos de montaña de certa altitude". Trátase dunha planta "que se aclimata moi ben a zonas con climas húmidos e cálidos" e "comercialízase polo seu interese ornamental", precisamente por esas flores tan vistosas das que falabamos e as súas anchas follas. Chega a crecer moito, polo que adquire "un valor estético importante". Tanto é así que, como asegura Fagúndez, a pesares de estar incluída dende fai uns anos no listado de especies invasoras do Ministerio, "séguese comercializando". En Amazon e en calquera centro de xardinaría pódese atopar por un prezo entre os 10 e os 20 euros (nada barato en relación a outras especies).

AS PRIMEIRAS CITAS BOTÁNICAS NON TEÑEN MOITO TEMPO, UNS 15 ANOS

E vindo de tan lonxe (case 9.000 quilómetros de distancia), como tivo chegado a Galicia? Como podedes intuír a estas alturas da película, "probablemente se tivo usado na xardinaría dende fai tempo", pero a súa "naturalización e adaptación efectiva ao clima galego como para formar poboacións no medio natural", segundo apunta o botánico, "seguramente foi máis recente". De feito, lembra que as primeiras citas nas que aparece non son de fai moito tempo, "uns 15 anos, máis ou menos". Noutras zonas como a Macaronesia, as Canarias ou Madeira, así como en Hawai ou nas Galápagos, "xa se coñece como especie invasora dende fai anos". A súa expansión por todas estas illas parte da "súa boa adaptación ao clima oceánico e a zonas onde hai bosques de sombra con clima húmido e cálido".

No caso de Galicia, como apunta Fagúndez, "temos un clima e, en certo xeito, hábitats, que son bastante semellantes aos das illas, con humidade, unha sequía no verán non moi acusada e moita zona de bosque caducifolio na que se retén moi ben a humidade", o cal constitúe "un hábitat co risco de que algunhas especies foráneas que están ben adaptadas a climas máis tropicais poidan naturalizarse e atopar un espazo óptimo para desenvolver poboacións", como é o caso do xenxibre do Himalaia. Deste xeito, igual que sucedeu nas illas, a invasión desta planta tamén callou na nosa terra.

Xenxibre do Himalaia
Xenxibre do Himalaia | Fonte: Arquivo

DAS FRAGAS DO EUME Á MARIÑA, COSTA DA MORTE, RÍAS BAIXAS E FERROL

Con todo, non todos os lugares de Galicia son aptos para acoller xenxibre do Himalaia. O investigador da UDC apunta a unha das máis problemáticas: o Parque Natural das Fragas do Eume, "un dos nosos mellores bosques naturais de caducifolias da zona costeira". Para Fagúndez "non é raro que se dese alí", pois "hai condicións idénticas ás que esta especie atopou noutras zonas como as illas Canarias". Pero tamén asegura que se pode atopar en varias poboacións na zona da Mariña lucense, na Costa da Morte, nas Rías Baixas e Ferrolterra e, en xeral, en áreas costeiras. "Toda a zona costeira galega ten o risco de ser invadida por esta especie", asegura o experto.

Agora ben, como sempre dicimos: unha especie invasora non é invasora só pola súa expansión, senón polos efectos negativos que trae consigo. E o xenxibre do Himalaia non ía ser unha excepción. Para Fagúndez o verdadeiro problema desta especie atópase no "impacto negativo que esta pode ter sobre especies nativas, sobre a flora nativa". Por que? Porque, por exemplo, "nas Fragas do Eume hai poboacións moi interesantes dunha serie de especies, como varias de fieitos, que unicamente se atopan neses bosques ben conservados, moi húmidos, encañonados e con moita sombra grazas á boa cobertura arbórea". Nesas zonas, o xenxibre prolifera.

"O problema está en que unha vez que a especie do xenxibre do Himalaia se naturaliza, corremos o risco de que se introduza en zonas sensibles onde pode afectar a especies nativas de interese para a conservación", asegura Fagúndez, que se amosa convencido de que "este é o maior perigo que presenta esta especie", pois, máis aló diso, "non causa especial dano noutros aspectos, como a saúde humana, nin tampouco afecta aos cultivos ou aos diferentes tipos de produción", polo que "o seu risco evidente atópase nese desprazamento de especies nativas".

A SÚA PROLIFERACIÓN EN GALICIA NON É MOI RÁPIDA, PERO AFECTA MOITO

E como de rápido se dá esa expansión? Segundo apunta o investigador, "hai zonas nas que esta especie si manifestou boas tasas de expansión e reprodución, colonizando novos ambientes, pero aquí en Galicia non foi o caso". Polo de agora, "as poboacións que se localizaron son relativamente pequenas, e non se ve colonización masiva como a que provocan outras especies como a cortadeira ou herba da Pampa". Fagúndez reflexiona que "a cortadeira prolifera en zonas con escaso valor natural, expandíndose polas marxes das autoestradas, pero non é boa competidora nos sistemas naturais e por iso presenta un menor risco de afección a especies sensibles, raras ou ameazadas autóctonas"; mentres que "o xenxibre é quen de meterse nos nosos bosques ben conservados e impactar sobre os hábitat autóctonos".

"Son dúas situacións extremas: nun lado temos unha especie cunha capacidade de colonización enorme, pero que sempre ou case sempre prolifera en hábitats de pouco valor, fronte a unha especie con maiores limitacións para a expansión, pero con moito maior impacto nos hábitats autóctonos", explica o botánico. Para identificala facilmente, é suficiente con buscala en Google, pero o investigador da UDC afirma que "se a ves unha vez xa non che pasa desapercibida", pois ten un rasgos moi característicos: grandes inflorescencias con numerosas flores de cor amarelo e crema, tan diferentes ás de calquera outra especie que coñezamos, con follas moi anchas e grandes.

CHAMAMENTO Á COLABORACIÓN POR PARTE DO SECTOR DA XARDINARÍA

E a estas alturas de seguro que vos estades preguntando se o de xenxibre ten que ver co xenxibre que comemos e o certo é, segundo apunta o botánico, que "esta especie pertence á familia das cinxiberáceas, onde se atopa tamén o xenxibre, pero eu non coñezo que se faga un uso dos seus rizomas ou dalgunha parte da planta como si ocorre co xenxibre no que pensamos". "Ás veces os nomes comúns das plantas son asignados de forma apresurada e, cando se trata de especies exóticas, moitas veces non sabemos a orixe deses nomes comúns", indica Fagúndez, que, con todo, considera que no caso do xenxibre do Himalaia pode deberse "á súa posición taxonómica, que a inclúe dentro desa familia".

Chegados a este punto, e tendo en conta que a especie se segue comercializando a día de hoxe pese a estar incluída no catálogo de plantas invasoras, xa que "ás veces ás sinerxías no uso das especies resultan difíciles de cambiar", o investigador anima a todo o sector da flora ornamental a "continuar colaborando para evitar o uso de especies potencialmente invasoras en xardinaría". E é que "é certo que unha gran parte das especies invasoras proveñen da horticultura e do sector da xardinaría, sendo usadas como plantas ornamentais", de maneira que "hai que facer ao sector consciente para que se comprometa con esta loita, porque ao final o problema vai en aumento e causa grandes perxuízos aos nosos hábitats".

Hedychium gardnerianum, coñecida como xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili
Hedychium gardnerianum, coñecida como xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili | Fonte: Federación Ecoloxista Galega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta