O acusado pola explosión da pirotecnia ilegal de Tui acepta 4 anos de cárcere; non se sabe aínda quen sufragará os danos

Os termos do acordo recollen esa condena de 4 anos por dous homicidios imprudentes, ademais de 27 delitos de lesións e un delito de dano catastrófico. Á marxe deste acordo relativo á responsabilidade penal, queda por dilucidar aínda a responsabilidade civil, xa que a explosión produciu danos en 430 vivendas e case 80 vehículos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/04/2024 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O responsable do almacén pirotécnico ilegal de Paramos, en Tui, que explotou en maio de 2018, causando a morte a un matrimonio, decenas de feridos e cuantiosos danos materiais, recoñece os feitos e aceptará 4 anos de prisión. Con todo, queda por despexar, na vía civil, quen se fará cargo de sufragar os danos.

Ese é o acordo alcanzado entre as partes personadas nesta causa, co propio acusado e coa Fiscalía, que inicialmente pedía 14 anos de cárcere. Deste xeito, cando o xuízo sexa sinalado na Audiencia Provincial de Pontevedra, celebrarase unha vista de conformidade. Os termos do acordo recollen esa condena de 4 anos por dous homicidios imprudentes, ademais de 27 delitos de lesións e un delito de dano catastrófico, segundo informaron a Europa Press o portavoz da Plataforma de Afectados de Paramos, Salvador García.

Ademais, acordouse tamén que o investigado, Francisco G.L. sexa inhabilitado para oficio ou profesión relacionada coa actividade pirotécnica durante 18 anos, e que se lle impoña unha orde de afastamento da 'zona cero' da explosión, de maneira que non poida aproximarse a menos duns quilómetros durante 6 anos.

Á marxe deste acordo relativo á responsabilidade penal, queda por dilucidar aínda a responsabilidade civil, xa que a explosión produciu danos en 430 vivendas e case 80 vehículos. O portavoz da Plataforma de Afectados lembrou que a estimación de danos supera os 12 millóns de euros.

Efectos da explosión de material pirotécnico en Tui
Efectos da explosión de material pirotécnico en Tui | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta