Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 18:40
O goberno popular de Ferrol rectificou e volve obrigar aos funcionarios a publicar os pregos de concursos nos dous idiomas oficiais da comunidade, en castelán e galego.
Modifican así a instrución 3/2024 que fora publicada o pasado 9 de abril, na que se lles trasladaba aos empregados públicos a obrigación de publicar os devanditos documentos só en castelán, para "alcanzar unha maior axilidade na tramitación dos diferentes procedementos administrativos".
Establecíase tamén con carácter temporal que a "redacción dos documentos integrantes do procedemento se redactara en lingua castelá, extremo este obrigatorio para a efectividade dos principios europeos reitores da contratación pública", o mesmo que "a liberdade de acceso ás licitacións, transparencia, libre concorrencia, igualdade de trato e non discriminación entre outros".
Este venres, 19 de abril, o concelleiro delegado de Alcaldía, Promoción Económica e Emprego, Fondos Europeos, Participación e Atención Cidadá, Organización Interna e Contratación, Javier Díaz Mosquera, asinou unha nova instrución na que detalla que "unha vez alcanzada a colaboración da Xunta, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, para a publicación indistinta dos devanditos documentos nas dúas linguas oficiais de Galicia", déixase sen efecto "a instrución 3/2024, de implementación de certas medidas de tramitación para a simplificación e axilidade administrativa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.