Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2024 | Actualizada ás 16:27
A asociación ecoloxista Adega acusa á Consellería de Medio Rural de permitir unha talla ilegal na Devesa do Lusío, no municipio de Samos, e ameaza con ir a Fiscalía para denunciar os feitos se a Xunta non a paraliza.
Nun comunicado, Adega explica que xa presentou denuncia ante o Seprona, a Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) pola curta de árbores autóctonas na contorna do albergue da Casa Forte do Lusío, "un espazo de gran valor ambiental incluído en Rede Natura 2000", por onde pasa o río Ferreira e o Camiño de Santiago.
Explica que, tras estas denuncias, Adega puido coñecer que o mosteiro de Samos, propietario dos terreos, e a empresa Forcons Noroeste SL contaban con autorización para realizar unha curta de árbores autóctonas na devesa, con informes favorables da Xunta, pero na comunicación do Seprona indícase que o mosteiro de Samos "non está a cumprir cos condicionantes impostos na autorización de Medio Rural" ao afectar ao dobre de superficie do permitido, ademais de que os traballos "non está a ser supervisados por ningún persoas técnica en arqueoloxía".
"Para a nosa sorpresa, o Seprona confírmanos que por agora non recibiu ningunha orde de paralizar a curta na Devesa do Lusío, polo que, segundo a súa versión, non puido facer efectiva nin executase a dita orde de paralización", afirma. Ademais, avisa de que "non é a primeira que esta fraga está ameazada", pois hai un ano xa alertou dunha curta que "podería causar danos ambientais irreparables". Por todo iso, urxe a Medio Rural a actuar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.