Por Galicia Confidencial | VIGO | 24/04/2024 | Actualizada ás 11:59
Cunha concisa mensaxe de texto SMS, a dirección do CRAPD 2 (Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes) de 52 palabras a Xunta confirmou a existencia dun brote
de gastointerite vírica que provocou cadros de diarrea e vómitos entre os usuarios e persoal do centro. Unha mensaxe que indignou a Rede, a Federación de asociacións de familiares e usuarias de residencias e da depencencia. "É unha vergoña que teñamos que reclamar nestas penosas circunstancias o dereito fundamental á información", denuncia esta entidade que acusa á dirección do centro de informar deste abrocho con cinco días de atraso.
A gastroenterite comezou a ser visíbel o pasado venres, e non foi ata este martes cando a Xunta de Galicia, propietaria e xestora do xeriátrico, informou por primeira vez aos familiares dos residentes a través dun SMS. A deshidratación é a complicación máis común da gastroenterite vírica, "e xa sabemos a pouca ou nula disposición que existe ao consumo de auga e líquidos nas residencias e nas persoas maiores", remarcan as familias. Din que, sen tratamento, a deshidratación pode conducir a problemas graves, danos irreparábeis aos órganos, estado de coma ou mesmo a morte.
A dirección do CRAPD recomenda limitar as visitas dos familiares e achegados, e a utilización de máscaras preventivas "ata a desaparición do gromo". Rede considera que a falta de información oficial durante estes cinco días "vulnera leis, normativas e protocolos que afectan os dereitos de pacientes e usuarios, á calidade dos servizos prestados, e aos procedementos que se esixen nas emerxencias sanitarias". Ademais critica que non só os usurios do centro se viron afectados, senón tamén o persoal, xa que a a cafetería tivo que pechar porque o seu persoal tamén se infectou.
Familiares critican que "un enfermeiro desbordado" é todo o continxente sanitario que dispuxo a Xunta para atallar unha infección masiva. Rede indica que a infección ben podería darse por contaminación de alimentos ou de auga, ou propagarse por falta de hixiene. No centro hai 30 xerocultoras (coidadoras ou auxiliares) no cadro do persoal para atender a 148 persoas maiores.
O CRAPD é un complexo residencial conformado por dous xeriátricos públicos que nos anos 80 emerxeron como a xoia da coroa da política social de Galicia, "pero tamén sobresaen por ser os centros que van moi por diante, incluso na táboa estatal, no número de denuncias feitas por familiares e usuaria", indica Rede nun comuicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.