Así impacta o cambio climático nos viños galegos

As tempadas de seca máis longas, as precipitacións máis concentradas, períodos con xeadas moi fortes e outros elementos climatolóxicos importantes poden poñer en risco a produción vitivinícola galega. Ante un posible escenario onde cambien as condicións climáticas en Galicia, os viños galegos estarían preparados para afrontar cambios no clima?

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/05/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os viños galegos teñen un bo predicamento fóra do país que lles permitiu manterse como un dos produtos agrarios máis demandados polo resto do Estado. Así, segundo datos da consultora Nielsen, o prezo medio do viño galego en mercado alimentario chegou a 6.63 euros, un aumento do 30% en dous anos. O prezo para a hostalaría estivo o ano pasado en 6.78 euros. Segundo a consultora, estes prezos colocaron ás DO galegas por riba doutras como as de Castela ou La Rioja. Porén, se de momento as cousas seguen como até o de agora, os desafíos que en principio supón o cambio climático poden afectar á produción de viño a medio e curto prazo en diferentes parámetros. Os cambios que cheguen poderán ser tanto unha dificultade como unha vaga de oportunidades para os viticultores galegos.

Vendima e carga de uvas en colector nunha das viñas que abastecen á adega Pazo do Mar en Feá, a 8 de setembro de 2023, nel Olivar, concello de Toén, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
Vendima e carga de uvas en colector nunha das viñas que abastecen á adega Pazo do Mar en Feá, a 8 de setembro de 2023, nel Olivar, concello de Toén, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press


PRIMEIROS SIGNOS
As condicións climatolóxicas están variando e isto déixase sentir na maduración da uva. “Antes, a mediados de setembro era cando se iniciaba a vendima, nos últimos tempos isto adiantouse a finais de agosto” sinalan desde o Departamento Técnico da DO Rías Baixas. Isto débese entre outros factores ás temperaturas elevadas dos últimos veráns, mesmo de noite e tamén invernos menos rigorosos con temperaturas máis cálidas do normal. “En 2022 tivemos unhas temperaturas máis elevadas do normal polo día e pola noite, isto non é ideal para a uva porque a froita necesita fresco nas horas nocturnas” apuntan desde a DO Monterrei.

A maduración temperá das uvas pode ter consecuencias para a calidade do viño aumentando a concentración de azucre elevando o contido de alcol. En paralelo a isto, redúcese o nivel de acidez rebaixando a frescura e a lonxevidade dos viños, as características que definen o viño galego.

“As altas temperaturas frean a fotosíntese da planta e pode levar a que a mesma morra por deshidratación, a partir dos 35 ou 40º as plantas xa non renden” din desde a DO Monterrei. Con todo, “as plantas están protexidas fronte aos aumentos de temperatura, mais é certo que a maior temperatura aumenta o estrés da planta que logo empeora a maduración da uva” din da DO Rías Baixas.

As variacións en temperaturas tamén son unha porta aberta a posibles doenzas como son os fungos como o mildiu e logo as pragas de insectos. Actualmente inténtase combater estas ameazas con produtos e prácticas máis sustentables co medio ambiente.

É POSIBLE A ADAPTACIÓN?
As exportacións de viño galego supoñen un dos mellores recursos para o agro mais se a situación muda a un estado de decrecemento motivado por cambios no comportamento da climatoloxía, os danos poden resultar contiosos. Ante unha posible ameaza de cambio climático, existen solucións que permitan ao sector do viño continuar a súa produción en Galicia?

Por unha banda, e ante unha suba de temperaturas permanente, a estratexia é “buscar zonas máis altas onde as temperaturas sexan máis levadeiras, na zona de Monterrei temos áreas que se poden explotar e, á parte, cultivar viño en parcelas abandonadas pode axudar na prevención de incendios forestais”. Isto levaría a produción de viño a zonas onde antes non se cultivaba mais á conta da perda de vides noutros lugares.

Sobre a seca “diante de episodios prolongados sen choiva pódese usar o sistema de rega mediante o sistema de goteo que permite aforrar auga” apuntan de Rías Baixas. Á parte, tamén se están buscando plantas máis resistentes aos cambios de temperatura. Outra medida é o estudo do tipo de chan onde se plantarán as vides, se é un chan máis permeable ou menos, se permite a retención suficiente de auga. Con isto último quérese manexar o estrés hídrico da planta fronte a perda de auga.

É posible que nunhas décadas o perfil da industria do viño teña mudado, con explotacións en áreas antes alleas á produción vinícola. Tamén é posible que aumente a calidade dos caldos se nalgúns casos a suba de temperaturas e o aumento de horas de luz solar se incrementan. En tal caso, parece que o camiño a seguir é o da adaptación ás circunstancias climáticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta