Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2024 | Actualizada ás 19:07
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou este venres en Santiago a XXXVII Reunión Anual da Sociedade Galega de Neuroloxía, un acto no que aproveitou para trasladar aos presentes algunhas das que quere que sexan as liñas mestras da súa xestión: o diálogo, a avaliación de resultados, a continuidade asistencial e a consecución dunha "sanidade digna" tanto para os pacientes como para o persoal sanitario.
O conselleiro comezou a súa intervención saudando aos que foron os seus compañeiros na súa vida profesional no Hospital de Santiago de Compostela e eloxiando aos profesionais de Neuroloxía, unha disciplina que "se caracteriza pola súa alta capacidade innovadora tanto na asistencia como na investigación. Para o departamento que preside, dixo, é "unha obrigación traballar por unha sanidade pública de calidade" e "orientada aos resultados en saúde". "Debemos avaliarnos, ver que facemos ben e que facemos mal e corrixir as posibles deficiencias", engadiu.
Do mesmo xeito, instou a que a continuidade asistencial entre Primaria e Especializada sexa "perfecta" e que a sanidade "se adapte ás necesidades da poboación" así como dos profesionais. Neste sentido, dixo que é necesario construír "unha sanidade digna para os pacientes e para as persoas que coidan dos pacientes". Finalmente, engadiu que o diálogo será "a principal ferramenta para mellorar as cousas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.