Rueda continúa pola senda de Feijóo e censura o "infantilismo" e a "inmadurez" de Pedro Sánchez

O presidente galego defende que os cambios na organización do Goberno buscan mellorar a "eficiencia" no seu funcionamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2024 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, censurou o "infantilismo" que aprecia no "autoórdago" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de abrir un período de reflexión sobre o seu futuro, co que, ao seu xuízo, pretende "non dar explicacións" acerca da investigación xudicial aberta á súa parella, Begoña Gómez.

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional recollida por Europa Press, o mandatario autonómico manifestou que pode entender desde "o punto de vista persoal" que Sánchez se pare a pensar sobre a súa continuidade á fronte do Goberno, pero considera que non pode abrirse un "impás de espera" deste tipo desde a "responsabilidade política máis importante do país".

"Sinceramente, creo que un presidente do goberno non o pode facer", sentenciou Rueda, que compartiu a reflexión do seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, de que Sánchez actúa con "un infantilismo" que ve impropio de "alguén maduro que ten que saber o posto que ocupa". Nesta liña, e tras apuntar que "non sabe" que decidirá este luns o presidente do Goberno, apuntou que a súa "impresión persoal" é que o movemento de Sánchez busca "non dar explicacións" sobre as acusacións á súa parella.

"A miña impresión persoal é que non lle interesa dar explicacións. El saberá por que. Porque se as pode dar e pode defender as acusacións que está a ter, o que ten que facer é, canto antes, cortar isto", sentenciou Rueda, que incidiu en que "a estratexia" de Sánchez é "o que fai sempre: pensar nel e en máis nada que nel". "A min non me verá meterme coa familia de ninguén. En campaña, tamén falaban de xente da miña familia, pero non por iso dixen que ía paralizalo todo. Se che elixen e che pagan para gobernar e exercer o teu traballo non podes tomar este tipo de decisións", abundou Rueda.

CAMBIOS NA XUNTA

Cuestionado sobre os cambios na estrutura da Xunta adoptados co arranque da nova lexislatura, o presidente sinalou que asuntos como a integración da xerencia do Servizo Galego de Saúde na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade perseguen mellorar "a operatividade" no funcionamento da xestión sanitaria. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control da Cámara. DAVID CABEZON @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control da Cámara. DAVID CABEZON @ XUNTA | Fonte: Europa Press

"Trátase de ser máis áxiles na tramitación, máis racionais nalgúns procedementos de contratación", subliñou o mandatario autonómico antes de incidir en que "o que ten que ver cos aspectos sanitarios e cos aspectos médicos está absolutamente garantido". Neste sentido, remarcou que se trata dunha "fórmula que non deixa de ser administrativa" que "non supón que se perda autonomía nin eficacia de funcionamento", polo que espera que supoña "pasos adiante" na xestión dos recursos sanitarios.

En relación a este e outros cambios introducidos na estrutura de Goberno, Rueda asumiu que se trata da súa "responsabilidade" tanto se resultan "acertados" coma se non, pero que os fai co convencemento de que "melloran o funcionamento da Xunta".

LEI DO LITORAL

Tamén se referiu en RNE ao fallo do Tribunal Constitucional coñecido esta semana que avala a Lei galega do litoral tras o recurso interposto polo Goberno central e que, ao seu xuízo, "non se tería que producir".

"A mellor noticia sería non perder todo este tempo e que desde o principio se recoñecese que temos dereito (a xestionar o litoral)", dixo Rueda, que espera que "non se perda máis tempo" e o Executivo estatal acceda a transferir os medios que a Xunta require para a xestión do dominio público-marítimo terrestre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta