La Región terá que pagar 100.000 euros á Deputación de Ourense

O xulgado ditou un auto no que acorda este pago en execución dunha sentenza de setembro de 2022, que anulou un acordo da institución provincial para outorgar por 213.000 euros un contrato de subministración ao xornal por infrinxirse os requisitos esixidos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/04/2024 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Ourense ditou un auto no que acorda impor ao diario La Región o pago de 100.000 euros en concepto de indemnización á Deputación de Ourense, en execución dunha sentenza de setembro de 2022, que anulou un acordo da institución provincial para outorgar por 213.000 euros un contrato de subministración ao xornal.

A sentenza de primeira instancia anulou ese contrato por infrinxirse os requisitos esixidos para aplicar o procedemento de adxudicación dos contratos menores, apuntando que o informe de necesidade do contrato "incorría en carencias evidentes, ao fixar un valor estimado do contrato sen referencia a ningún elemento obxectivo, como número de unidades obxecto de subministración ou centros nos que se vai a realizar", entre outras cuestións.

Armando Ojea, en nome de Democracia Ourensana, instou a execución da sentenza (que foi declarada firme en outubro de 2022), e a Deputación alegou que a resolución era imposible de cumprir, porque o contrato de adxudicación que se anulaba debía fornecer os seus efectos en 2021. Así as cousas, o xulgado determinou que, efectivamente, non pode executarse a sentenza neses termos e que, por tanto procede establecer unha indemnización compensatoria, que fixou en 100.000 euros, que debe pagar La Región á Deputación, segundo se recolle no auto, do pasado 22 de abril.

Esta resolución pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. De feito, fontes de La Región xa confirmaron a Europa Press a súa intención de presentar recurso. Mentres, a Deputación de Ourense limitouse a manifestar o seu "respecto" ás decisións da Xustiza, "máxime tratándose dun asunto que non corresponde ao actual mandato" da administración provincial.

Cabeceira de La Región
Cabeceira de La Región | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta