Zara bate récords de venda tras o seu regreso a un país golpeado pola crise económica

O analista venezolano Nelin Escalante asegura que segundo información extraoficial en catro días de operacións en Venezuela Zara tería facturado 1,3 millóns de dólares.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/04/2024 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Corría o ano 2021 cando Inditex confirmaba o peche de todas as tenda do grupo en Venezuela: Zara, Bershka, Pull&Bear, Stradivarius, Massimo Dutti, entre outras. E é que para ninguén é un segredo que as cousas no país latinoamericano non están ben: a economía venezolana chegou a perder o 80 % do seu valor nunha década, produto dunha fonda crise. O país tivo en 2022 un rebote económico despois de 8 anos sucesivos de recesión e reacomodo, que se deixou sentir en Caracas con novos establecementos, impulsado pola flexibilización dos férreos controis económicos. Non obstante, a finais do ano pasado comezou novamente a desaceleración e eses comercios tiveron que pechar as portas. 

Tenda de Zara en Caracas
Tenda de Zara en Caracas | Fonte: Commons

Con todo, a comezos deste ano Zara anunciaba o seu retorno a Venezuela, logo de tres anos fóra do país pola crise económica, tras unha revisión do acordo de franquicia co seu socio local Phoenix World Trade. Así, o xigante galego da moda reanudou o xoves as súas operacións no país coa apertura dunha enorme tenda de Zara baixo un acordo de franquicia, e no medio da dolarización e dos altos prezos do país sudamericano. O que se sabe é que as operacións de Zara están en mans da súa franquiciada en Venezuela, que agora se denomina Grupo Futura.

A tenda en cuestión, de 1.300 metros cadrados e dous pisos, abriu as súas portas no centro comercial Sambil, ao leste da cidade, o pasado xoves 25 de abril, cando centos de persoas pasaron por ela dende ben cedo. Ao mediodía xa había longas filas para pagar prendas e chegara xente de moitas cidades cercanas á capital, non só de Caracas. O analista venezolano Nelin Escalante (@nelinescalante), contaba como este pasado domingo 28 a cantidade de persoas na tenda aínda era superior: "se o xoves houbo 8.000 persoas este domingo poden ser unhas 10.000".

E aseguraba que, "segundo información extraoficial, a firma tería facturado 360.000 dólares o primeiro día de apertura", sendo "a tenda que máis vendeu das 1.939 que Zara ten en 215 mercados no mundo". Chamoulle poderosamente a atención que un país como Venezuela, coa inquedanza económica presente e a crise á orde do día, liderase as vendas. "Zara estaría facturando 1,3 millóns de dólares en catro días de operacións en Venezuela, o que sorprende e resulta contradictorio nun país cunha economía tan golpeada", concluía. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta