Defensa da Sanidade Pública acusa ó Sergas de "escurantismo" e "trampas" nos seus orzamentos

Este colectivo suxire que o desaxuste entre o orzamento inicial e o gasto final é "para ter as mans libres para contratar coa privada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2024 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) acusa ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "escurantismo", "falta de transparencia" e de facer "trampas" cos seus orzamentos e as contratacións despois do informe do Consello de Contas no que reclamaba un financiamento "realista" do sistema.

En concreto, este documento que transcendía o luns recollía nas súas conclusións, correspondentes ao ano 2022, que a asignación que a Xunta destina a gasto sanitario é "moi superior", uns 489 millóns de máis, á dos seus orzamentos iniciais. Ademais, os tempos de espera, en xeral, incrementáronse con respecto a antes da pandemia da covid-19.

Por mor deste informe, a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública denunciou o "escurantismo" das contas do Sergas e sinala a "inutilización adecuada" do programa 'Imprevistos e funcións non clasificadas' que apunta Contas, empregado "para saltar os límites fixados para a transferencia de crédito". Así mesmo, este colectivo suxire que o desaxuste entre o orzamento inicial e o gasto final é "para ter as mans libres para contratar coa privada". Segundo denuncia a asociación, esta "estratexia" permite á Consellería de Sanidade "asinar contratos a dedo co sector privado vulnerando os principios de contratación pública", ademais de "incrementar as derivacións" fose do sistema público e "favorecer aos laboratorios farmacéuticos".

O Consello de Contas tamén recolle no seu informe que, en 2022, Galicia foi a décima autonomía en gasto sanitario, con 1.705 euros por habitante. Para a AGDSP, isto demostra que o orzamento do Sergas "é insuficiente", tendo en conta que a comunidade está "á cabeza en envellecemento e dispersión da poboación".

Neste contexto, a raíz do informe de Contas, a Xunta desvelou o martes que está a traballar na elaboración dun novo plan contable para a súa implementación na administración xeral, incluído o Sergas. En todo caso, xustificou que os orzamentos sanitarios eran "prudentes" e que por iso os incrementos debíanse a constantes innovacións terapéuticas e tecnolóxicas do servizo.

Centos de persoas durante unha manifestación en defensa da sanidade pública, no parque da Alameda.
Centos de persoas durante unha manifestación en defensa da sanidade pública, no parque da Alameda. | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta