Por Amanda Fernández | Lugo | 13/05/2024 | Actualizada ás 14:00
"Para min como galego é a mellor raza do mundo", afirma con claridade César Dorado sobre a Rubia Galega. O presidente da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA), considera que a raza Rubia Galega diferénciase en ser unha raza nacional e de Galicia. Caracterízase, segundo recolle a asociación, por ter gran rusticidade e capacidade de adaptación a medios diversos, así como ser dócil e de fácil manexo. Tamén se destaca a facilidade de parto, xa que máis do 85% das vacas paren soas.
O censo actual sitúase ao redor de 40.000 cabezas, das cales máis do 60% corresponde a reproductores. O número de explotacións asociadas ao Libro Xenealóxico sitúase nas 1804 o que dá lugar a unha densidade gandeira de máis de 18 cabezas por explotación. "A raza ten fama en todo o mundo pola súa boa carne e o bo rendemento, hai moita demanda fóra de España", recoñece César. Desde ACRUGA manifestan que a presenza de xenética de Rubia Galega no mundo é hoxe un proceso en plena expansión, tanto en países como Polonia ou Lituania, como en Brasil, Chile, Venezuela, onde se emprega para o cruce con cebú e razas criollas principalmente. O presidente apunta a que noutros países como Francia "son moi conservadores co deles".
Neste punto, Dorado reivindica que "os galegos deberían estar máis orgullosos desta raza propia" á que describe como "a máis prestixiosa do mundo". Non entende como hai algún galego que prefire mercar outras razas, tendo unha tan boa aquí: "Mira aos asturianos, que saben que a mellor raza é a nosa, pero non a menten para conservar a deles. Os galegos probamos con razas de fóra cando temos aquí a mellor raza".
Exemplar de Rubia Galega na Feira de SarriaVer esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
O ÉXITO DA SUBASTA DE NOVELAS
No 2007, ACRUGA firmou un convenio coa Deputación de Lugo para facer un centro de recría. "Consiste en meter aló as novelas e, depois ao estar preñadas, vendelas aos gandeiros", explica o presidente. Nese momento, a época de crise xeral afectara considerablemente ao sector agropecuario e "conlevou ao sacrificio indiscriminado de animáis" ante "a incapacidade dos seus propietarios para afrontar unha estratexia para recuperar unha recría destinada ao matadoiro". Nace así, o convenio mencionado para a recría na granxa Gaioso-Castro, onde o animal pasa desde os nove meses ata os 24 ou 25 meses. Na actualidade, Dorado indica que debe haber 150 novelas e que se puideran "ter máis, máis teriamos porque hai demanda".
"Desde ACRUGA mercamos aos gandeiros as novelas, de sobre oito ou nove meses, e pagámosllas a un prezo superior a que se fosen para morrer", afirma e expresa que unha vez están preñadas sácanse a subasta. Isto interesa, tal e como explica, tanto aos novos criadores, que precisan novelas, como a gandeiros que non fan a recría e cando saen á venta preñadas, volven mercalas. "Na Fonsagrada foi unha novela de 3.100 euros, a que máis se cotizou, logo no Courel a que máis se cotizou me parece que foron 2.600 euros", expón. Ante a boa collida e a demanda existente, o presidente expresa o seu deseño de poder meter máis novelas para recrías en fincas que habilitase a Xunta de Galicia.
O ÉXITO DA CARNE DE RUBIA GALEGA
Se por algo ten fama a Rubia Galega é pola súa carne, que presenta unha serie de características. A asociación fai fincapé na súa cor clara, típica da carne procedente de tenreiros recentemente destetados ou alimentos con leite. É tenra e cun aroma e sabor de recoñecido prestixio. Nesta liña, as últimas investigacións apuntan a que esta carne presenta uns perfís de ácidos graos ideais que, ademáis de repercutir moi positivamente nas súas características organolépticas, poderán ter propiedades beneficiosas na protección de enfermidades cardiovasculares.
Dorado menciona que hai diferentes marcas de tenreira galega: "Estaría a Ternera Gallega que é de cebadeiro; a Ternera Gallega Suprema, de tenreiros que se crían no campo, pero non de Rubia Galega ou non da ACRUGA; e logo estaría o gando, rexistrado no Libro de asociación, que levaría o selo de Ternera Gallega Suprema Carne de Rubia Galega". Reafirma a importancia deste distintivo: "Eu se vou a un resturante, sempre me gusta comer da nosa raza, que é a ten fama pola súa boa carne".
A FEIRA DE ANO DE SARRIA
Sarria festexou a súa Mostra Agrogandeira na honra a San Isidro, na Feira de Ano, coa Rubia Galega máis que presente. Exhibíanse ata 40 exemplares para dar promoción á raza. David, un gandeiro da zona de 26 anos, acudiu en busca de aumentar en cabezas a súa explotación familiar, si se daba a ocasión, na subasta de novelas. En concreto foron tres, xa preñadas de cinco e seis e da Deputación de Lugo con ACRUGA. A primeira das novelas adxudicouse por 2.850 euros; e os dous seguintes exemplares, quedaron en 2.800 e 2.850 euros. Irán parar a dúas explotacións de Láncara.
A raza Rubia Galega | Fonte: ACRUGA¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Os ataques do lobo crecen un 72 % e a Xunta reclama ao Goberno sacalo do listado de especies de especial protección
- Zonas da Terra Chá, Sarria e Terra de Lemos, aínda alagadas tras o paso de Kirk, non puideron sementar a forraxe para as vacas
- Aposta de Turismo de Galicia polo enoturismo na comarca de Valdeorras
- Visita produtiva da D.O. Valdeorras á 'Barcelona Wine Week'
- Achégase o final da tempada de caza libre de xabarís en Galicia: serviu para algo?
- Unións Agrarias loita por prezos lácteos xustos: "Un gandeiro de Ribadeo cobra 6 céntimos menos por litro que un de Vegadeo"