Recoñece que chamou "maricón" a un veciño da Rúa e leva unha sentenza de seis meses de cadea

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos ocorreron no ano 2021 e ata o mes de outubro de 2022, cando vítima e acusado convivían no mesmo barrio da localidade ourensá da Rúa

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2024 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

Un home acusado dun delito contra a dignidade persoal por increpar ao longo de varios meses a un veciño con berros homófobos, recoñeceu os feitos e aceptou seis meses de prisión, nunha vista de conformidade celebrada na sección segunda da Audiencia de Ourense.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos ocorreron no ano 2021 e ata o mes de outubro de 2022, cando vítima e acusado convivían no mesmo barrio da localidade ourensá da Rúa.

Durante ese tempo, segundo o escrito, o acusado actuando con "clara animadversión" e "desprezo" cara á orientación sexual da vítima, de maneira habitual gritáballe cada vez que o vía por cálea expresións tales como "maricona, que es unha cadela, unha puta", "vaille a chuparlle a pirola á túa noiva, baixa se tes collóns" ou "eu teño collóns, non son coma ti, maricón, fillo de mala nai", "maricón, maricón aos municipais chúpalle a pirola e o pirolónn" , "que noxo vos teño, maricona", "maricón, maricón e o seu colega bujarrón".

As expresións verbais que o acusado de forma reiterada dedicou á vítima, o ton elevado e despectivo que empregou, a exposición pública á que o someteu, pois os berros tiñan lugar na vía pública, así como a aparente gratuidade do acontecemento, "causaron unha grave humillación que menoscabou a dignidade" da vítima e xeroulle un trastorno depresivo ansioso, segundo a Fiscalía.

O ministerio público solicitaba inicialmente a pena de 15 meses de prisión con inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que durase a condena, así como 10 meses de multa a razón de 10 euros diarios con responsabilidade persoal subsidiaria para caso de falta de pagamento.

Tamén interesaba a pena de inhabilitación especial para profesión ou oficio educativos no ámbito docente deportivo e de tempo libre polo tempo de 5 anos, e a prohibición de aproximarse á vítima a unha distancia inferior a 300 metros de calquera lugar no que se atopase, así como de comunicarse con el durante un tempo de tres anos.

Finalmente, tras o recoñecemento dos feitos e o acordo, o acusado conformouse con 6 meses de cárcere e multa de 540 euros, á que suma outra multa de 180 euros por un delito leve de ameazas. Así mesmo, prohíbeselle comunicarse ou achegarse a menos de 300 metros da vítima por tres anos, e inhabilítaselle para profesión no ámbito docente deportivo e de lecer por un tempo de 5 anos.

O procesado tamén deberá indemnizar á vítima en 6.000 euros polos danos morais ocasionados.

Audiencia provincial de Ourense
Audiencia provincial de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta