Mundo Fake e xornalismo "lixo": como combater as noticias falsas e quen as crea

As noticias falsas, as fakenews, as mentiras ou loiadas e os altofalantes que as difunden son dous elementos que parecen ter agromado con moita forza nestes tempos das redes sociais, medios ou pseudomedios que aproveitan o libre acceso á Internet para difundir presuntas informacións que logo se demostran falsas. Ademais, centrándonos en Galicia, Rueda anuncia cambios na lei de medios públicos galegos trece anos despois da lei 9/11 sobre o mesmo punto. Algúns profesionais ven unha manobra, outros esperan que haxa cambios en positivo

Por Moncho Mariño | Santiago | 14/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O caso das denuncias de Manos Limpias contra Begoña Gómez, a muller do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o posterior “retiro” de cinco días deste último sobre se continuar ou non á fronte do Goberno, expuxo aínda máis a problemática das noticias falsas, informacións sen contrastar, fakenews, como elementos contra determinadas persoas e colectivos sociais ou políticos. O caso Gómez pon luz sobre determinados colectivos (Manos Limpias neste caso) e o seu actuar (presentar unha denuncia en base a titulares de noticias que non estaban contrastadas abondo). Mais por outra parte, tamén preocupa o feito de usar medios xeralistas, nomeadamente públicos, para intencións semellantes: desacreditar rivais políticos, favorecer determinadas liñas de pensamento ou acción política mediante a coerción sobre as redaccións e os profesionais que as conforman. Así e todo, desde a Unión Europea aprobouse a European Media Freedom Act para gardar o dereito á información e a independencia dos medios.

Fake News
Fake News | Fonte: Tecreview.com

MEDIOS E PSEUDOMEDIOS
Existe un conxunto de medios reaccionarios contrarios a gobernos considerados progresistas? “Si, existe, aínda que en Galicia menos” di Paco Sarria decano saínte do CPXG. “Todas as liñas editoriais son respectables” sinala Sarria, mais as persoas que están detrás de medios e pequenos medios (ás veces canles de youtube, vídeos en X, Instagram, etc.) “non son maioritariamente xornalistas e por iso pedimos a colexiación obrigatoria e lexislar para un control sobre a creación de noticias falsas e a súa difusión”.

O aproveitamento da Rede para crear contidos falsos, sen contrastar e a súa difusión fixo nacer un ecosistema de canles onde se verten presuntas informacións cuxo obxectivo parece buscar a simple polémica. “Non é xornalismo, falamos de pseudomedios, a liberdade de prensa non ten relación ningunha con dicir calquera cousa sobre algo ou alguén” sinala Luis Menéndez, presidente da Asociación de Periodistas de Compostela-FAPE. “Detrás de todo isto pode haber intereses espúreos ao espírito da profesión creando materia tóxica”.

Dita “materia tóxica”, como o acontecido coa muller de Pedro Sánchez, é unha ameaza contra a liberdade de prensa? “Non tería porque selo. A liberdade de prensa é un principio que está por riba dos intereses ou dos obxectivos de calquera Goberno. A nosa Constitución a consagra, e consideramos que para modificar este marco que nos rexe, atoparíase cunha ampla oposición da opinión pública” di María Méndez da Asociación de Periodistas de Galicia.

COMBATER AS NOTICIAS FALSAS
Ante a proliferación de noticias falsas (loiadas, embustes ou mentiras), as propostas de control sobre a creación e difusión das mesmas parecen bater de fronte co dereito á liberdade de prensa. Este dereito, nacido para garantir a liberdade de expresión e o dereito á información veraz, ás veces parece o mellor escudo para quen crea información falsa e difundila. Como combater este fenómeno? “A fronteira xa a marca o Código Penal. Ainda así, nalgún momento poden xurdir tentacións para acoutar esa liberdade, co obxectivo de fuxir do control dos medios de comunicación… mais, outra cousa é tratar de levalo á práctica”, sinala Méndez.

A fundación Maldita.es, co apoio de Google News Initiative, idea un 'BuloBús', un microbús que comezará desde o 11 de abril de 2023 unha ruta por 20 municipios rurais co fin de achegar a alfabetización mediática aos pobos de España
A fundación Maldita.es, co apoio de Google News Initiative, idea un 'BuloBús', un microbús que comezará desde o 11 de abril de 2023 unha ruta por 20 municipios rurais co fin de achegar a alfabetización mediática aos pobos de España

“O ecosistema mediático español é moi disperso, non existen códigos deontolóxicos, aínda que na FAPE si temos un Consello deontolóxico, mais en España non ten un poder sancionador” apunta Menéndez. Ante unha situación así, sempre se pode recorrer á creación de comités de verificación para saber se é información contrastada e veraz “porque se non se fai é unha falta de respecto á verdade”. En relación a isto nace a European Media Freedom Act para a defensa dos dereitos do xornalistas no exercicio da súa profesión.

Se se apuntou a medios dixitais ou redes sociais como elementos difusores de falsidades, a necesidade dunha lexislación sobre este extremo fai necesaria unha vía de control sobre estes difusores. “Para lexislar sobre os dixitais que reparten mentiras hai que buscar acordos cos colexios profesionais de xornalistas, e nós levamos anos reivindicando a creación do Consejo General de Colegios Profesionales de Periodistas” sinala Sarria. O obxectivo é chegar a unha autorregulación por parte dos mesmos medios. O organismo que reivindican os Colexios Profesionais aínda non se creou a pesar das reunións con partidos políticos, a pesar da existencia de máis de dous colexios profesionais como indica a lei.

RUEDA E O CAMBIO NA CRTVG
A lei 9/2011 dos medios públicos de Galicia buscaba a reformulación do ente público Corporación de Radio e Televisión de Galicia. Entre outros, figuraban obxectivos como era nomear un director xeral co acordo dos 2/3 da cámara autonómica e a creación de consellos de redacción, isto para evitar os nesgos partidistas ou influencias políticas sobre a información. Trece anos despois, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba a necesidade de cambiar a lei sobre medios públicos galegos, incluíndo aspectos como o nomeamento de altos cargos. A necesidade de adaptación ás novas realidades tecnolóxicas parece ser a motivación detrás do anuncio de Rueda.

María Méndez, desde a Asociación de Periodistas de Galicia, apoia o anuncio de Rueda en base a que “se a CRTVG non quere perder as novas audiencias que se veñen xerando cos novos soportes e canles dixitais, terá que facer cambios na súa regulamentación, ademais de tratar de adaptase aos novos formatos”. Daquela, a necesidade de non perder presenza dentro de novos nichos de audiencias é unha motivación positiva para afrontar cambios lexislativos nos medios públicos galegos.

“É rechamante que logo de trece anos sen aplicar a lei 9/11 sobre todo nos seus puntos cardinais, a Xunta queira agora cambiala argumentando as novas propostas dixitais” inquire Luis Menéndez. “Si houbo cambios no aspecto dixital, mais o punto cardinal da lei debe ser a representatividade dos e das traballadoras, o proceso de elección do director xeral e tamén que os e as representantes no Consello de Administración sexan profesionais do sector”.

“Eu quixera crer nun cambio en positivo por parte da Xunta, que non sexa un paso para atrás” di Sarria. “Esperamos que o control sobre a CRTVG deixe de ser político e pase a mans dos profesioais e oxalá haxa entendemento cos e coas traballadoras”. O CPXG presentou hai tempo unha serie de propostas á Xunta de Galicia para que os medios públicos galegos implementasen a lei de 2011. “E entre outras estaba a creación dos consellos de redacción para decidiren de maneira independente a orde e prioridade de noticias”.

CAMBIOS PREMIO LIBERDADE DE PRENSA JOSÉ COUSO
A familia do xornalista asasinado en Iraq en 2003, José Couso, pediu ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e ao Club de Prensa de Ferrol que retiren o nome do seu familiar do premio entregado por estas dúas entidades. O motivo alegado é que a familia non ten voz e voto neste premio.

Sobre este punto, o decano saínte do CPXG, Paco Sarria, remítese ao comunicado da familia “onde din que non teñen voz nin voto, aínda que non é exactamente así, pois un tío materno de José Couso, como membro do Club de Prensa de Ferrol, sempre tivo dereito a voto”. Paco Sarria lembra que para este premio, democraticamente teñen dereito a voto todos e cada un dos membros dos dous colectivos, “e debe ser o único premio en toda España que se decide con tanto número de posibles votantes”.

Sobre a petición de retirada do nome de José Couso, a familia “ao longo da historia do premio, a familia expresou querer formar parte do xurado, entendiamos que este é un premio exclusivamente de xornalistas para xornalistas”. En tal caso, “se hai máis motivacións, nós descoñecémolas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que pasaría se tódolos medios de comunicación (prensa, radio, televisión, redes públicas) non publicaran ningunha información sen opción a preguntas e repreguntas polos informadores ? O 80% da información "política" desaparecería de golpe dos medios. E deixarían de ser utilizados como ferramentas de propaganda polos disintintos actores políticos de turno.... Que pasaría se a financiación pública dos medios de comunicación fose transparente incluíndo a cifra total recibida na cabeceira do xornal, radio, televisión ? Supoño que ningún partido político con representación ten interese en semellante transparencia... Así as fakes con tódalas noticias que non poden ser contrastadas debidamente polo informador... Fakes Somos Todas !