O PSdeG insiste nun pacto político polo galego e avanza iniciativas para que o idioma sexa oficial na UE

González Casares acusa ao PP de "bloquear" os intentos do Goberno central de impulsar este recoñecemento nas institucións comunitarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2024 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, volveu a chamar a un gran pacto político en Galicia a favor do idioma galego e, neste sentido, avanzou iniciativas no Parlamento autonómico para que esta lingua sexa oficial na Unión Europea. Besteiro compareceu este luns en compañía do eurodeputado e candidato nas eleccións do 9 de xuño Nicolás González Casares e lembrou que este venres, 17 de maio, celebrarase o Día das Letras Galegas e o 161 aniversario da publicación de 'Cantares Galegos', de Rosalía de Castro.

O líder socialista alertou de que "nas últimas dúas décadas" a porcentaxe de falantes do galego "descendeu ao redor de dez puntos". Por iso, insistiu nese gran pacto político pola lingua. "O primeiro é dar exemplo desde as institucións", subliñou Besteiro, tras o que avanzou o rexistro, na Cámara autonómica, dunha proposición non de lei para impulsar o recoñecemento do galego como lingua oficial da UE, despois de que desde o ano pasado xa se poida empregar no Congreso dos Deputados.

Respecto diso, o tamén portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia explicou que a comparecencia do novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, esta semana "será unha magnífica oportunidade para comprobar" se o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o PP apoian o uso do galego nas institucións. "En todas, tamén en Bruxelas e en Madrid", apostilou.

Pola súa banda, Nicolás González Casares, que ocupará o número 11 na lista do PSOE para as eleccións europeas, explicou que o galego ten máis falantes que cinco das 24 linguas oficiais da UE e que hai estados membros, como Irlanda, que teñen máis dun idioma oficial (inglés e gaélico). Así, o candidato socialista considera que "é básico" que se traslade ás institucións comunitarias "o ánimo e o interese" de que o idioma propio de Galicia sexa tamén oficial. Neste contexto, acusou ao PP de estar "a bloquear ou tratando de matar" as iniciativas que se presentan tanto no Parlamento como no Consello Europeo. "Son os gobernos do PP os que tratan de que non se debata", asegurou.

O candidato do PSOE ás eleccións europeas Nicolás González Casares e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro
O candidato do PSOE ás eleccións europeas Nicolás González Casares e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta