A tormenta perfecta para a proliferación das moscas: cambio climático, aumento da superficie agraria e e esterco espallado

Salustiano Mato, catedrático de Zooloxía na UVigo e membro do proxecto de investigación das poboacións de moscas do Tomiño, asegura que ante o aumento do cambio climático "isto non vai cambiar, vai ir a peor, porque vai haber cada vez máis zonas que reúnan boas condicións para que as moscas se reproduzan".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Imaxínaste levantarte cada día en total escuridade porque as túas ventás se atopan tapizadas completamente por milleiros de moscas que non permiten que entren os raios de sol? Parece unha esaxeración, verdade? Pero non o é. É, de feito, unha realidade á que cada día se enfrontan os veciños de concellos tan distantes entre si como Tomiño, Teo ou Narón, onde dende fai varios anos teñen que facer fronte como poden a unha 'praga' de moscas que semella non rematar nunca, nin sequera no inverno. A situación é desesperante, dende o punto de vista sanitario non hai maior perigo, pero dende o punto de vista psicolóxico está xerando unha molestia insoportable a estas poboacións. Dende o Galicia Confidencial falamos co catedrático de Zooloxía da UVigo, Salustiano Mato, membro dunha investigación levada a cabo no Tomiño, que nos explica que é o que está a acontecer coas moscas nesta zona, algo que se podería facer estensible ao resto de poboacións afectadas.

Moscas
Moscas | Fonte: RTVE.es - Arquivo

En primeiro lugar quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade á poboación, porque asegura que estas proliferacións son de mosca doméstica e, polo tanto, "ten un aparato bucal lamedor e chupador, é dicir, non pica, desfai coa súa saliva as partículas alimenticias ou lame e absorbe o alimento que xa está disolto". Ademais, este insecto é unha especie sinantrópica, é dicir, usa recusos de zonas nas que habita o humano, por iso "os adultos vanse directos ás casas cando emerxen, porque atopan nelas o alimento preciso". Afortunadamente, como explica o experto, "esta mosca non é transmisora de enfermidades de por si, non ten parásitos, o que acontece é que toca moito esterco e iso pode ser insalubre cantas máis moscas haxa", con todo, incide en que "a probabilidade de contaxiarse por vehículos de patóxenos que leven as moscas nas patas é mínimo".

"CADA FEMIA PODE FACER ENTRE 4 E 6 POSTAS DE OVOS E EN CADA UNHA PON ENTRE 75 E 150 OVOS"

Así as cousas, e unha vez sabido que o problema non é sanitario, cal é o verdadeiro problema? Pois a súa molesta e esaxerada proliferación. Mato explica que "este animal vive entre unha semana e trinta días e os adultos, cando están preparados para facer a reprodución, copulan coas femias, algo que fan só unha vez na súa vida; logo as femias recollen todo o esperma nunha bolsa e ese mesmo esperma vai fecundando os ovos de cada posta". Cantas postas fai cada femia? Pois "nese mes de vida cada femia pode facer entre catro e seis postas de ovos e, en cada unha, poñen entre 75 e 150 ovos". De que depende que poñan máis ou menos? Pois das condicións, algo que nestes momentos lles favorece, polo que poden poñer o máximo de ovos. E sempre os depositan "en lugares onde as larvas se poidan alimentar e eclosionen ben", o que adoita ser "en materia orgánica en descomposición". Tendo en conta que na nosa sociedade non hai carroña nin moitos restos de comida no medio, fano fundamentalmente no esterco.

Deste xeito, a forma en que os agricultores traballan co esterco é fundamental para favorecer (ou non) a proliferación das moscas. "Se hai moito esterco estendido, teñen máis superficie onde poñer os ovos e tamén poden facer máis ciclos reprodutivos", asegura Mato, que apunta que "eses ovos eclosionan nun día se as condicións climáticas son favorables (en caso contrario poderían chegar aos tres), deles sae unha larva que se alimenta desa materia en descomposición e vai crecendo ata que, en só catro días, xa está preparada para pasar á fase de pupa". O catedrático da UVigo explica que "as pupas están nese esterco durante tres ou catro días con condicións favorables e, normalmente, eclosionan todas á vez, porque hai moitas femias que poñen ovos ao mesmo tempo".

Aspecto da porta dunha das casas da parroquia de O Val, Narón, afectada pola praga de moscas
Aspecto da porta dunha das casas da parroquia de O Val, Narón, afectada pola praga de moscas | Fonte: Europa Press - Arquivo

"ESTERCO ESTENDIDO SEN ENTERRAR UNHA SEMANA, CON BOA TEMPERATURA E HUMIDADE SUFICIENTE, XERARÁ UNHA RÁPIDA ECLOSIÓN DOS OVOS"

Como advirte Mato, "un campo con esterco estendido sen enterrar durante máis dunha semana, en condicións climáticas de boa temperatura e humidade suficiente, xerará unha rápida eclosión dos ovos que derivará nunha nube de moscas que sairá voando directamente cada as casas". Sempre acontece iso: cando saen as moscas vanse directas ás casas, porque "buscan enerxía que poden atopar no azucre dos alimentos, para aparearse e volver poñer ovos". É un ciclo que se repite continuamente e que, como vemos, non toma moito tempo. O investigador asegura que "se esterco dura en condicións ideais na superficie de cultivo máis dun mes, podes ter catro ou máis nubes de moscas nese período que se vaian acumulando", pois cando chegan as novas as máis vellas aínda non morreron. E é que, "aínda que unha nube de moscas non adoita durar máis de dous ou tres días, ao haber bo tempo e se se segue estercando ou non se integra ben o esterco no chan, pode durar máis". Conta que na zona de Tomiño hai veciños que ata tiveron nubes de moscas unha semana ou ata dúas.

Polo tanto, pódese concluír que hai toda unha serie de factores ambientais e humanos que van favorecer os cultivos e a proliferación das moscas. Como afirma Mato, "o cambio climático esta favorecendo a estas moscas, porque ao ter boa temperatura reprodúcense durante todo o ano, cando antes había meses nos que había xeadas en xaneiro, febreiro, decembro ou mesmo dende novembro e non podían facelo". "O último inverno que tivemos no que puidesemos falar de frío creo que foi antes da pandemia", chancea, apuntando que "non é o mesmo que chova moito, que o segue facendo, a que haxa invernos fríos". Antes tiñamos moitas máis moscas en primaveira e verán que no inverno porque só se reproducían coas altas temperaturas e no inverno entraban en diapausa, pero agora "o cambio climático mantenas activas todo o ano, xa non hai meses de letargo".

"AS NORMAS QUE HAI PARA ABONAR E BOTAR ESTERCO NOS CAMPOS FAN QUE A PRÁCTICA COINCIDA COS MOMENTOS QUE MELLOR LLE VAN ÁS MOSCAS"

Ademais do cambio climático, asegura que tamén hai outros factores que favoreceron esta proliferación, como é o aumento da superficie de cultivo nos últimos anos, "tanto con plantacións tradicionais como o viño ou o millo como co aumento de superficies de kiwi e, máis recentemente, de aguacate". Deste xeito, Mato explica que "a superficie forestal diminúe, hai menos insectívoros, polo tanto, menos depredadores naturais, e como tamén se usan moitos produtos fitosanitarios os paxaros que comen insectos non poden prosperar tampouco". Así, ante estas circunstancias, xuntando superficie maior de cultivo e temperaturas adecuadas, "se non fas unha práctica agrícola máis exquisita e coidadosa favoreces a proliferación destas moscas".

Por se isto non fose suficiente, o experto asegura que "as normas que hai na actualidade para abonar e botar esterco nos campos fan que coincida esta práctica cos momentos que mellor lles van ás moscas para reproducirse: se chove non se pode abonar porque contamina de nitratos e axentes biolóxicos e patóxenos as augas subterráneas, e estercando en días secos de bo tempo favoreces ás moscas cando se está preto dun río e se poden manter as condicións de humidade que lles gustan". Nun sitio seco non habería problema por moito que se abonase con altas temperaturas, pero nun sitio ao lado do río onde a xeada que cae pola noite mantén en condicións de humidade a zona, dáse a tormenta perfecta. 

"O IDEAL SERÍA QUE XA BOTASEN O ESTERCO COMPOSTADO OU, ALO MENOS, QUE O REUNISEN EN MONTÓN PARA QUE FERMENTASE ANTES DE BOTALO"

Ante esta situación, o que recomendan os investigadores do grupo de Zooloxía da UVigo para minimizar as posibles proliferacións esaxeradas de moscas é "que nesas zonas onde se dá a tormenta perfecta sexan moito máis coidadosos no agro". "O ideal sería que xa botasen no campo o esterco compostado, que está listo para meterse no solo e, ademais, vaille moito mellor, fertilízao moito mellor", apunta Mato, que tamén recomenda, en caso de non ser posible o primeiro, "volver ás prácticas máis tradicionais, as que facían os nosos avós: poñer o esterco en montóns para que fermente un pouco antes de botalo aos dous ou tres días, como moito, o cal minimiza a superficie na que as moscas poden depositar os ovos, pois só van poder criar nos cinco primeiros centímetros deses montóns". Con todo, incide en que o ideal é compostalo.

Segundo os datos que nos traslada o catedrático da UVigo, na rede de alerta as denuncias que recibiron en 2023 foron de sucesos que ocorreron de xeito moi disperso ao longo de practicamente todos os meses do ano: en febreiro tiveron 2 avisos; en abril, 8; en maio, 5; en xuño, 1; en xullo, 7; en agosto, 1; en setembro, 8; en outubro, 1; e en novembro, 1. Os meses nos que os avisos foron menores foi porque se concentraron varios días de choiva. Como evidencia o investigador, "só se libraron os meses de decembro, xaneiro e marzo, e porque debeu facer algo de frío e chover bastante". Así as cousas, "nunca queda un momento do ano sen nubes de moscas e, normalmente, os rexistros máis altos coinciden nas épocas de abonado da terra, para plantar millo, patacas e distintos produtos, algo que normalmente se fai en primavera". Mato asegura que "se non hai abono nos campos non se van dar estes booms poboacionais aínda que as condicións meteorolóxicas sexan boas".

OS INVESTIGADORES ABOGAN POR CREAR UNHA REDE DE ALERTA SEMELLANTE Á DO MOSQUITO TIGRE E UNHA GUÍA DE RECOMENDACIÓNS AGRÍCOLAS

Entón, que nos convén agardar de cara ao futuro? Se o cambio climático segue avanzando cada ano, non semella que as cousas poidan ir a mellor para estes veciños que vén as súas casas invadidas de moscas case todo o ano. Mato ten claro que "isto non vai cambiar, vai ir a peor, porque vai haber cada vez máis zonas que reúnan boas condicións para que as moscas se reproduzan". Por iso, considera que sería moi bo poder facer unha rede de alerta semellante á que xa dende o Sergas, e en colaboración con este departamento da UVigo, se implementou no caso do mosquito tigre, así como elaborar dende o Goberno galego unha guía de recomendacións para as prácticas agrícolas. E é que, como explica o investigador, "non é un tema perigoso a nivel sanitario como o do mosquito tigre, pero é verdadeiramente insoportable para os veciños, un senvivir". Máis a longo prazo tamén dende o seu departamento están estudando como "promover o crecemento de distintos tipos de animais que poidan traballar na loita biolóxica" contra estas invasións de moscas, para lograr reequilibrar os ecosistemas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta