GC Aberto

¡As «cucarachas» xa volven a camiñar!

«Que por mayo era, por mayo, / cuando hace la calor, / cuando los trigos encañan / y están los campos en flor…». En maio, os campos están en flor mentres as beirarrúas e o interior das casas de certos barrios de Vigo inféstanse destes repelentes insectos propagadores de diversas enfermidades infecciosas (dende a hepatite ao tifo, pasando polo cólera ou a peste).

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 02/06/2024

Comparte esta noticia

Quirino Mendoza (1862-1957) é o compositor da versión máis famosa do corrido mexicano «La cucaracha». Todos lembramos que «ya no puede caminar…». Aínda que iso só ocorre no inverno, período no que as cascudas permanecen en hibernación agardando a subida das temperaturas que se inicia na primavera. Entón brotan como as margaridas que tanto embelecen a estación do amor: «Que por mayo era, por mayo, / cuando hace la calor, / cuando los trigos encañan / y están los campos en flor…». En maio, os campos están en flor mentres as beirarrúas e o interior das casas de certos barrios de Vigo inféstanse destes repelentes insectos propagadores de diversas enfermidades infecciosas (dende a hepatite ao tifo, pasando polo cólera ou a peste).

O cruceiro de Coia na década de 1950 (Fotografía: Monchito «o Practicante»).
O cruceiro de Coia na década de 1950 (Fotografía: Monchito «o Practicante»).

Antonio de Cominges (1897-1987) foi un relevante arquitecto vigués. Xunto con Antonio Palacios e Manuel Gómez Román é un dos máximos representantes da «Arquitectura Rexionalista Galega». Na súa cidade natal deseñou, entre outras destacadas construcións, o Instituto Santa Irene, o Templo do Carme ou os Almacéns Alfredo Romero.

En 1946, De Cominges proxectou en Vigo, no lugar de «A Torre», en Coia de Abaixo (entre o Camiño da Cordoeira e o Camiño do Castro Castriño), un grupo de oitenta vivendas coñecidas popularmente como as «casas baratas». Recibiron este nome non porque a palabra galega «barata» equivalla á súa homógrafa e homófona portuguesa, cuxo significado é «cascuda»; senón porque os inmobles carecían de placa de formigón, a rede de sumidoiros era practicamente inexistente e as rúas entre as edificacións estaban sen pavimentar.

Debido a estas deficiencias, en 1978, a pedimento dos veciños, o concello asfaltou os viais para adaptalos ao tráfico rodado e dotounos de mínimas beirarrúas arrimadas aos edificios, á vez que baixo as mesmas instalou unha rede de sumidoiros para a recollida e canalización das augas pluviais e residuais.

En 2024 todas estas estruturas áchanse moi deterioradas e quedaron obsoletas. As baldosas das beirarrúas están rotas e entre as gretas brotan toda clase de herbas, propiciando as caídas dos viandantes. O cemento utilizado debaixo do pavimento e as plaquetas descompúxose nunha pestilente area que serve de niño e nutriente a innumerables especies de artrópodos; e o que é aínda máis grave: as arquetas dos sumidoiros deviñeron reservorios nos que as cascudas e os pequenos roedores reprodúcense e alimentanse ás súas anchas, e como se achan a un paso das portas das vivendas e comunícanse cos desaugadoiros dos aparellos sanitarios do seu interior, franquealos e instalarse e multiplicarse dentro dos fogares apenas lles supón un mínimo desprazamento.

Igual de obsoleto, ademais de insufrible e nocivo pola contaminación e o ruído que xeran, é que os vehículos de motor circulen a metro e medio das xanelas dos domicilios; que o noventa por cento da superficie das rúas residenciais estea á súa disposición, e que mesmo ocupen as estreitas beirarrúas, nas que non poucos condutores, igual moradores que alleos á urbanización, apárcanos con consciente e plena inmunidade e impunidade.

Alén da infracción de tráfico que supoñen, estas incívicas condutas provocan, debido ao peso dos vehículos, a fragmentación da cimentación das beirarrúas (facilitando as filtracións de auga cara ás vivendas), e impiden o paso aos transeúntes, que vense obrigados a camiñar pola calzada co consecuente perigo para a súa integridade física.

Aínda que é certo que os servizos municipais fumigan os sumidoiros e eliminan miles de cascudas cando se lle solicita, outros tantos miles permanecen indemnes. Os residentes atópanas paseándose polo mesado mentres cociñan; dentro dos zapatos, explorándoos, ao calzarse; adormecidas sobre a colcha da cama, ao deitarse…; ou en calquera outra parte xa que o seu afán por atopar alimento lévaas dun lado a outro en incesante actividade.

Abel Caballero (nado en 1946) é o actual alcalde de Vigo. Políglota anglófilo e apaixonado da luminotecnia, ten como principais obxectos do seu labor, ademais da iluminación festiva dos espazos públicos, o turismo e o comercio. Tamén a «humanización» selectiva de sinaladas áreas e rúas da cidade que administra, motivo polo que para el o devandito termo é sinónimo de Praza da Miñoca, Avenida de Castelao, Gran Vía, Porta do Sol… e demais viais ou barrios «chic», ou que, non o sendo, achegan un considerable número de votos nas eleccións a máximo rexedor do municipio.

Dada a magnitude dos problemas de habitabilidade e salubridade existentes na Urbanización Residencial Coia-Antonio de Cominges, os cales de maneira superficial veño de referir, convido a don Abel a que en compaña dos seus asesores urbanísticos déase un paseo polas súas rúas, e que a continuación, como alcalde que é de todos os vigueses, expoña no medio de comunicación que considere oportuno, que obras, e en que prazo, ve factible implementar para corrixilos e proceder así á humanización integral deste histórico e singular, pero degradado, grupo de vivendas; de modo que Vigo no seu conxunto, e non só determinados distritos, continúe sendo «A mellor cidade para vivir», segundo asevera o omnipresente slogan da Alcaldía que con apoio e aceptación maioritarios preside dende hai case dúas décadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta