Historias do Camiño de Santiago... Inflúe a cultura dun país na elección entre unha ruta ou outra?

A economista Isabel Neira explica no festival de divulgación científica Pint of Science o proxecto que está desenvolvendo o seu equipo de investigación: un recomendador de camiños en función das eleccións que anteriormente fixeron persoas culturalmente próximas a ti.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/05/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

O Camiño de Santiago é percorrido cada ano por milleiros de persoas, de todas as nacionalidades, de diferentes culturais e con diferentes inquedanzas. Só o pasado ano 2023 foron 446.035 persoas as que se aventuraron a realizar este percorrido. As rutas que levan a Santiago son diversas: dende o Camiño Francés ata o Portugués pasando polo Inglés e outros menos coñecidos como o Camiño do Norte ou o Camiño Primitivo. A pregunta é: Haberá algún patrón común entre os peregrinos que os leve a elexir entre un camiño ou outro? Influirá a súa nacionalidade? A estas e outras cuestións está tratando de respostar o grupo de investigación coordinado pola economista Isabel Neira, Ecobas, que no festival de divulgación científica Pint of Science celebrado a pasada semana en Santiago de Compostela detallou os principais resultados da súa análise.

Varios peregrinos chegan a O Cebreiro con neve
Varios peregrinos chegan a O Cebreiro con neve | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

En primeiro lugar hai que comprender o concepto de 'homo economicus', que foi comezado a utilizar por diferentes economistas durante o século XIX. Fai referencia a unha persoa racional que maximiza a súa utilidade, é dicir, que busca obter os maiores beneficios co menor custe posible. Baixo esta definición tratábase de modelizar o comportamento humano. Extrapolando a este caso que nos ocupa, viría a significar que as persoas elixirán unha ruta ou outra en función dos beneficios que lles ofreza en relación ao custe, é dicir, ao esforzo de facela. Con todo, hai que ter en conta que non para todos a percepción de beneficio será a mesma.

"Pasámonos a vida decidindo", asegura Neira. Para esta economista, "reducir as eleccións á teoría do 'homo economicus' é un pouco simple, porque ademais de ser racionais hai algo máis detrás que os economistan non estaban controlando ben nesa teoría, e que eran as emocións". Se se teñen en conta as emocións, seguimos sendo seres racionais? "Si, para moitas decisións que son importantes e a longo prazo si, como por exemplo se son empresario e quero invertir nun bar, pénsomo dúas veces", exemplifica Neira, que engade que, con todo, "se teño que decidir de forma máis inmediata, entre tomarme unha cervexa ou non, non o penso tanto, é unha decisión máis das moitas que nos pasan polo cerebro ao longo do día".

A ECONOMÍA CONDUTURAL ANALIZA O COMPORTAMENTO QUE TOMAN AS PERSOAS GUIÁNDOSE POLAS SÚAS EMOCIÓNS

No caso concreto da ciencia económica, a economista recoñece que "estamos moi preocupados polo sistema máis de largo prazo, racional, e non polo sistema básico e das emocións". Pero fai uns anos xurdiu outra rama da economía, a economía condutual, que precisamente se preocupa polo comportamento que toman as persoas guiándose polas súas emocións. É algo próximo á socioloxía: como se comportan as sociedades? Condicionan a economía? "Os economistas medimos todos eses valores e eses valores definen o que é unha cultura", explica Neira, que asegura que "dende a economía usamos aos sociólogos cuantitativos para definir unha cultura: un conxunto de valores compartidos". 

Varios peregrinos realizan o Camiño de Santiago, a pesar do temporal, na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro
Varios peregrinos realizan o Camiño de Santiago, a pesar do temporal, na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro | Fonte: Gustavo de la Paz

E, aínda a día de hoxe, algo que define moito a unha cultura é a súa relixión. "Culturas e relixións están moi relacionadas: angloprotestantes, luteranos, árabes, gregos...", afirma a investigadora. Con todo, a forma máis común de medir a cultura é por países: "En todos os traballos de economía sempre se pon unha variable de control que é o país", pero dende o grupo de investigación "collemos un construto máis grande, falando de clúster cultural, pois entre portugueses, españois, franceses e italianos non hai tantas diferenzas e tómanse comportamentos similares". Isto significa que "á hora de deseñar políticas de compra non teño que facer unha política diferente para cada un deles, senón que podo deseñar unha única para todo o imperio austrohúngaro, por exemplo", expón a investigadora, que apunta que iso é o que lle coñece como "perfís culturais".

"DEMOSTRAMOS QUE SE PARECEN MOITO OS PEREGRINOS DE DISTINTAS ÁREAS CULTURAIS"

Como elixen os diferentes perfís culturias entre unha opción ou outra? "Normalmente temos unhas preferencias e sistemas de compensacións: entre elixir 'a' ou 'b' podo elixir entre 'caro' ou 'barato' ou 'feo' ou 'bonito' en función do que me compense, hai diferentes tipos de eleccións", explica Neira, que asegura que "o que nós estudamos é se esas preferencias de elección son diferentes para as distintas culturas". E, na práctica, aplícano aos dez camiños de Santiago máis populares. Para pode facelo precisan de moitos datos, que obtiveron da colaboración da Oficina do Peregrino, de onde recabaron 3 millóns de datos para ver como se comportan os peregrinos: "Tratamos de analizar se tiñan distinto sistema de compensación para elixir os camiños en función da cultura de onde proviñan".

Un podería pensar que cada peregrino elixe en función do camiño que lle queda máis preto do seu país, pero non sempre é así. Neira asegura que dende o grupo de investigación "demostramos que se parecen moito os peregrinos de distintas áreas culturais". E é que hai que ter en conta que "non é o mesmo ir polo Camiño Portugués, que ten moitos hoteis, costa e é cómodo, planiño; a ir polo Camiño Francés que é máis montañoso", por iso, para Neira, "unha persoa que elixe o Camiño Portugués podemos pensar que busca algo máis tranquilo e plano, pois non é o mesmo ter que subir os Ancares que ir pola praia".

"OS AMERICANOS SON FANS DAS DISTANCIAS LONGAS E DO CAMIÑO FRANCÉS E OS ALEMÁNS PREFIREN DISTANCIAS MÁIS CONCRETAS E O CAMIÑO PORTUGUÉS"

Con que se atoparon finalmente ao analizar os datos? Con que, efectivamente, había eleccións que se repetían en función da cultura: "Os americanos son fans das distancias longas e do Camiño Francés; os alemáns usan o Camiño Portugués porque fan unha distancia concreta, por exemplo". "E isto era algo repetitivo nos anos", asegura Neira, o cal os levou a extrapolar que era máis probable que unha cultura determinada elixise un camiño que outro. No caso concreto dos alemáns, "están cambiando a tendencia, e fóronse cara ese Camiño Portugués pola costa (que antes non existía), porque á súa cultura non lle gusta a saturación nin a complexidade, son máis tranquilos". Pola contra, "outras culturas, como a americana, que valoran máis o esforzo e a dificultade do Camiño, buscan percorrer distancias máis longas".

Para que se empregaron eses datos? Como explica a investigadora, "fixemos un sistema de recomendación turístico, e estamos agora coa demo, co obxectivo de chegar a facer unha aplicación para o móbil". Este sistema permite que introducindo as túas características (por exemplo: muller, alemana, 30 anos...) te recomende por orde os camiños de Santiago que poderías facer. "Quizáis para persoas individuais non sexa moi útil, pero si para axencias de viaxe, porque poden decidir a que camiño levar a cada cliente sen que este se decepcione, pois outros peregrinos de características semellantes e coa súa mesma cultura elixiron anteriormente ese mesmo itinerario", conclúe Neira.

PROBLEMÁTICAS: SESGOS DOS SISTEMAS DE RECOMENDACIÓN E FALTA DE DATOS

Con todo, é consciente de que a día de hoxe hai que ter moito coidado cos sesgos destes sistemas de recomendación, que non deixan de ser semellantes aos que pode usar Netflix para recomendarche unha película ou outra: "A unha rede neuronal méteslle todas as variables e saca un resultado ou outro". "Agora o que queremos saber en economía é cal foi a variable da ecuación á que ese sistema deu máis peso para recomendarche certas cousas: por exemplo, se eres muller e de 40 anos recoméndache facer un curso de cociña, pero se cambiamos ese parámetro de muller e lle poñemos home iugal a recomendación que sae é facer un curso de torneiro", exemplifica Neira, que asegura que "esa duda é agora mesmo o debate máis grande que hai en economía no campo da predicción, porque estas ferramentas teñen consecuencias sociais, e poden causar problemas polos seus sesgos".

Outro gran problema que se presenta para a creación destes modelos é a falta de datos: "Non temos datos e este tipo de recomendadores precisan moitos datos de comportamento", explica a investigadora. E quen ten eses datos? "Agora mesmo Google, que é o que che fai de recomendador, e é difícil competir con el, porque por moito que nós queiramos crear unha aplicación para axudar ás axencias de viaxes é Google quen ten os datos e esa falta de datos públicos é bastante frustrante". "Cada vez que introducimos datos llos damos ás grandes compañías: Google, Booking, Tripadvisor... Por iso eles teñen un sistema de recomendadores e para nós é moito máis difícil", conclúe Neira.

Dous peregrinos consultan un teléfono móbil nas inmediacións da Oficina do Peregrino, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela
Dous peregrinos consultan un teléfono móbil nas inmediacións da Oficina do Peregrino, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta