Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 22/05/2024 | Actualizada ás 21:25
"O melanoma é un tumor maligno que aparece habitualmente na pel, aínda que tamén pode manifestarse noutros órganos, e está derivado ou en relación cos melanocitos, células que producen o pigmento na pel", define María Dolores Sánchez-Aguilar, dermatóloga do CHUS, que traballa na Unidade de Melanoma e de Cancro Cutáneo Non Melanoma no hospital Gil Casares. Con motivo do Día Mundial do Melanoma abordamos esta cuestión para concienciar á poboación. Consiste nun tumor maligno da pel, en relación cos melanocitos. Tal e como expresa a experta "non é un cancro moi frecuente", xa que non supón máis "do 5% de todos os cancros cutáneos", pero alerta de que "é responsable da maioría das causas de morte por cancro cutáneo".
O pronóstico deste tumor está moi relacionado cun diagnóstico precoz porque "a menor grosor, é dicir canto menos penetra en profundidade, mellor pronóstico". Desta maneira, se o diagnóstico é cedo e o turmor delgado, "o pronóstico para a vida do paciente é moi bo". Porén, se fose tardío e o grosor maior, trataríase dun "tumor que ten capacidade de producir enfermidade metastásica a distancia, polo que o pronóstico empeora". Sánchez-Aguilar destaca que nos últimos anos, se está asistindo a unha revolución no tratamento deste "melanoma groso de alto risco, do melanoma metastásico", con fármacos que melloraron o pronóstico, pero fai fincapé en que o mellor é sempre o diagnóstico precoz. Hai que ter en conta que se trata dun tumor que sae na pel e que se pode detectar rápido e existe unha serie de datos que nos poden xerar alerta.
A REGRA A-B-C-D COMO SÍNTOMAS DE ALERTA
"Hai que prestar atención á regra A-B-C-D", explica a experta sobre cando aparece unha lesión pigmentada, dun ton marrón máis claro ou máis escuro, que reúne unhas sinais concretas, que poden detectar o melanoma. "Non sempre vai selo, pero débenos alertar para consultar", expón.
- A de Asimetría: "É unha lesión asimétrica, xa que se poñemos un eixo horizontal e vertical, a lesión é diferente dun lado que doutro".
- B de Bordes irregulares: "Normalmente as lesións benignas teñen uns bordes ben definidos e redondos, pero as lesións que se poden considerar melanoma, teñen un conxunto xeográfico".
- C de Cor: "A cor dunha lesión pigmentada benigna pode ser máis clara ou máis escura, dunha tonalidade homoxénea, mentres que no melanoma habitualmente pode ter varias tonalidades de cor".
- D de Diámetro: "Se o diámetro é maior de seis milímetros podería tratarse dun melanoma".
Ademáis destes, a dermatóloga sinala a letra "E" de "Evolución" que considera moi importante: "Cando temos unha lesión pigmentada na pel, que comeza a cambiar de tamaño, de cor, de forma, que pica, presenta sangrado ou doe, temos que consultar co dermatólogo". Como outro sinal de alarma para completar estaría "o patiño feo", que fai referencia a que cando se ten moitos lunares e todos moi semellantes entre si, e de súpeto nos sae un que é "moi diferente e distinto aos demáis", ese será o que temos que consultar. Se a poboación coñece estes sinais, consultará e será máis doado determinar un diagnóstico precoz.
O DIAGNÓSTICO
Unha vez se detectan sinais desta regra, o seguinte paso é consultar co médico de cabeceira, que derivará a Dermatoloxía, pola "vía rápida de melanoma". A resposta pode chegar en 24 ou 48 horas e xa se explora ao paciente e coa axuda da dermatoscopia, confírmase. "Para a confirmación realízase unha extirpación desa lesión e o patólogo é o que no lo confirma", explica. Desta maneira, si se confirma que se trata dun melanoma, habería que ver que tipo e que características presenta. Un dos factores "máis importantes" é o grosor do tumor, o que ese tumor penetra en profundidade na pel.
"Afortunadamente o diagnóstico precoz mellorou moito e, se facemos extirpación, o paciente non terá que realizar ningún outro tipo de tratamento, máis aló dun control e seguimento nas unidades de melanoma como a que dispoñemos no noso centro", manifesta. Porén, se o melanoma é máis groso, tería que facerse outro procedemento acompañante "como é a técnica de ganglio centinela". En función de, se sae positivo ou negativo, o paciente pode ser subsidiario a algúns dos tratamentos novos co obxectivo de evitar que progrese o tumor. "Se foi detección tardía e desenvolveu enfermidade metastásica xa se fai tratamento tamén con este tipo de fármacos novos, inhibidores dos puntos de control inmunitario, que xa se fai por parte dos servizos de Oncoloxía", comenta . O tratamento será en función do estadío do tumor, pero "a maioría son con bo pronóstico".
A CONCIENCIA DE MIRARSE A PEL
Ten a xente conciencia do importante que é a protección da pel? "Creo que a xente vai tendo conciencia de que a pel hai que mirala porque é moi importante a autoexploración, tanto o máis ca exploración do médico ou especialista", apunta. Desta maneira, mirando se algo cambia na nosa pel, favorécese á detección precoz. Insiste en que o que pasa é que "a xente se preocupa polos lunares en xeral e ten que fixarse nesas características da regra mencionada, e sobre todo que detecten se algo cambia".
A concienciación é fundamental xa que a incidencia dos casos aumenta, aínda que non tanto a mortalidade, porque se trata "dun tumor moi relacionado cos hábitos de exposición ao sol". Neste sentido, a dermatóloga destaca esa moda de que "estar moreno é algo moi favorable" e de que se trata dun tumor que aumenta e que tamén se diagnostica antes.
OS FACTORES DE RISCO
- A exposición ao sol: "A radiación ultravioleta, as exposicións curtas e intermitentes están moi relacionadas con este tipo de tumor.
- Os antecedentes de queimaduras na infancia: "O feito de terse queimado de nenos, sábese que predispón ter cancro en idade adulta, sobre todo melanoma".
- Antecedentes familiares: "Se outros familiares antes tiveron melanoma, supón que se debería estar máis concienciado con respecto á exposición ao sol e autovixilancia".
- Ter moitos lunares: "Presentar moitos nevus ou lunares tamén é factor de risco, así como ter determinados tipos de lunares, o que coñecemos como nevus atípicos".
- Persoas con fototipos baixos: "Isto fai referencia a aquelas persoas de cabelos rubios, roxos, ollos azuis, verdes e pel branca, que se queiman facilmente co sol. Tamén teñen un maior risco"
- Persoas con determinadas mutacións xenéticas: "Esas persoas nas cales existen determinadas mutacións xenéticas na familia, que predispoñen a aparición de melanoma.
Estes serían, segundo a dermatóloga os principais factores de risco a ter en conta, pero menciona como importante a conciencia sobre as cabinas de raios UVA, porque se sabe que "aumenta moito a incidencia dalgúns cancros cutáneos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.