Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 14:01
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apelou a defender a socialdemocracia nas eleccións europeas que terán lugar o próximo 9 de xuño como "muro" fronte ao "avance da ultradereita". "A loita vai ser socialdemocracia fronte a ultradereita e espero que triunfen os bos que, neste caso, son os socialdemócratas", reivindicou. O xefe de filas dos socialistas galegos pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polo arranque da campaña electoral cara aos comicios europeos, que o PSdeG celebrará cun acto na tarde deste xoves en Vigo.
Na súa intervención, Besteiro apelou á cidadanía a apostar pola Europa que respondeu forte ante a crise sanitaria e rexeitou "unha visión dos anos 50 da Unión Europea" como a defendida "ultimamente por algún dirixente histórico galego", en referencia a Xosé Manuel Beiras, que reivindicou que a candidatura do BNG representaba a defensa do "proxecto da Europa orixinal" concibida a mediados do século XX como unha idea de "confederación" entre "os pobos".
Fronte a iso, Besteiro pediu apostar pola socialdemocracia para facer "de pé en parede", de "muro", fronte á "intolerancia e a xenofobia" que representa o "avance dunha ultradereita" que, na súa opinión, está "maquillada pola dereita" como se pode ver en España "nos últimos días". "Por tanto, esa é a Europa que queremos, a que respondeu forte ante a crise sanitaria, como foi a pandemia", coa protección dos traballadores, das empresas e da sanidade pública.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.