Que vestirán as galegas e galegos nos festivais? Aquí as tendencias coas que acertas seguro

A colaboradora de moda Natalia Alcayde sinala que este tipo de evento é "unha pasarela para as firmas de moda e unha antesala para o verán".

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 30/05/2024 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

O Son do Camiño dá o pistoletazo de saída aos festivais en Galicia de gran formato e supón unha cita imprescindible para moitos galegos e galegas. A pregunta do millón: e que nos poñemos? Descubrimos as principais tendencias da man de Natalia Alcayde, colaboradora de moda en diferentes medios de comunicación e interiorista de formación. O festival dos festivais no que a moda se refire non é outro que Coachella, que é o que inicia e marca o que se vai levar noutros festivais, incluídos os galegos. "É a onde temos que mirar sempre, é a inspiración preferida de todo o mundo", afirma Natalia en referencia a Coachella, unha cita á que acoden as celebridades máis internacionais. A experta explica que non é casualidade que Coachella sexa o referente, nin as celebridades que se dan cita porque "as firmas de moda mandan a esa xente para ensinarnos o que imos levar, tanto en festivais como moda de verán". Mulleres como Hailey Bieber, Kendall Jenner ou Alessandra Ambrosio son as que portarán o "super lookazo" do estilo que se levará despois no Son do Camiño ou outros festivais galegos. 

As tendencias para esta tempada en festivais
As tendencias para esta tempada en festivais

OS CLÁSICOS QUE SEMPRE FUNCIONAN

Natalia destaca do que xa se viu en Coachella como básico principal, a moda cowboy, coas botas campeiras "que veñén moi ben para o noso tempo galego, para a choiva ou o frío". Así, volven con moita forza e esta estética western inclúe cinturóns, as fibelas, sombreiros, os flocos... "Imos ver moita cazadora de flocos e vaqueira, xa que en Galicia sempre se precisa unha chaqueta, sudadoiro ou rebequita". Outro clásico, que sempre está en todos os festivais e segue, o estilo boho, do que recoñece estar "algo cansada, pero que sempre funciona". Defíneo como un estilo clásico, eterno, romántico, que ten xoiaría dourada, voantes, cadeas, cinturóns... Tamén será tempo de lucir as transparencias, que xa se viron en tipo rede e que logo se extrapolaron ás praias por riba do traxe de baño, pero iso "xa queda algo apartado ou obsoleto". Porén, indica que se seguirán vendo porque "a xente lle custa quitalas". 

A parte das botas campeiras, tamén se levan esas botas de fantasía "galácticas, plateadas, douradas, altas, súper altas e con cores". Principalmente, destaca, en cor rosa, moi influenciado aínda pola pegada de Barbie, que aínda se ve. A prenda imprescindible de calquera festival é o short ou pantalón corto, que pode ser vaqueiro e tamén vén este ano cun quimono por riba. "É unha aposta definitiva, así como as prendas superpostas, con diferentes capas", comenta. 

O QUE DESTACARÁ ESTE ANO SI OU SI 

O oversize
O oversize

Se hai algo que esta tempada vén pisando forte e tamén se verá nos festivais como "a estrela deste ano" que non é outro que o "animal print ou estampado de leopardo". Tanto, en camisas, cinturóns, deportivas,... "Creo que veremos a todo o mundo do Son co leopardo, que ata agora non se vía, era máis o estampado tipo cebra, moi de Coachella", explica. Vai ser un boom, tamén en sodadoiros e inclusive chuvasqueiros, xa que expresa que en Galicia hai que ir preparado ante as condicións do tempo, e tamén con leopardo. Menciona a tendencia de moda que xera Hailey Bieber cunha gorra e por riba o pano: "Iso vai estar coas gafas de sol no festival si ou si, se hai algunha que non leve o leopardo, o pano coa viseira, a moda cowboy e as cores, é que non foi a un festival na súa vida", destaca. 

O lookazo para os festivais complétase cunha maquillaxe que non deixe indiferente: "En Coachella neste 2024 xa non vimos mariposas, pero si se levou o metalizado, con cores, ollo máis marcado, máis dos anos 2000. A palabra cool nos festivais é sinónimo de sorprendente", expón Natalia.  

E PARA ELES? POR QUE APOSTAN?

Neste repaso de tendencias, tamén os homes buscan reinventarse, máis aló da aposta habitual máis cómoda de roupa deportiva ou camisetas de fútbol. "Levaranse moito as camisas vaqueiras, que son funcionais e os pantalóns curtos. Dependendo, de se é un rapaz máis moderno, levará un moi curto e o rapaz máis tradicional, preferirá o pantalón debaixo do xeonllo", comenta. Neles, asegura, triunfa a moda do chándal, pero non o de deporte, senón a modo de pantalón "co puño abaixo e goma na cintura, estilo cargo, de tea máis dura". Ademáis tamén destacarán as camisetas con mensaxes, que sempre teñen algo que dicir. Nos pés, fai referencia a un estilo de tenis "con moita forma e plataforma acentuada". 

Non faltarán as cazadoras "tipo bomber coa capucha" e, por suposto, a tendencia oversize, todo moi grande. En complementos, apostarán pola lente de sol cadrada grande e volve a lente de sol con espello, que se verá moito. "Toque moi retro", di Natalia, que puntualiza que tamén eles decidirán levar o pelo de cores, en "rosa, amarelo ou azul", xa que segundo manifesta, "xa vai sendo hora de que destaquen na maquillaxe e peiteado". A súa maior inspiración de cara ao estilismo nos festivais soen ser os propios "cantantes urbanos".

Xa en liñas máis xeráis, veremos a volta duns "anos 2000 renovados" con moda retro e vintage que se ve nas rúas e tamén estará reflexada nos festivais. "A xente, cada vez máis, aposta por un aspecto máis coidado, no que as fotos son importantes e as marcas tamén queren estar nos festivais. Por exemplo, Pull&Bear sacou unha collección exclusiva de festivais", salienta Natalia. Por último, pero non menos importante, quere lembrar que a estes eventos musicais e de ocio, non só vai xente moza, senón tamén público máis maior, que se segue as tendencias: "Tanto as mamás como os papás duns 50, que tamén están e van pero doutra forma". O festival é unha pasarela, unha fiestra para as firmas de moda que queren estar e marcar o que se levará no resto de festas do verán. E ti, xa o tes máis claro? 

As transparencias
As transparencias
O estilo boho
O estilo boho
As botas cowboy
As botas cowboy
moda 3
moda 3
moda 1
moda 1
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta