Os concubinatos, así marcaron a historia da fronteira galego-portuguesa durante a Idade Media

Inés Calderón Medina, do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, asegura que houbo un tempo, entre os séculos XI e XIII no que o matrimonio eclesiástico non era a única forma de unión entre a nobreza, senón que había moito concubinato, como unha forma de xerar alianzas políticas por intereses territoriais.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cando escoitamos falar de concubinas case sempre pensamos en mulleres adúlteras que están mantendo relacións extramaritarias, pero a verdade é que na Idade Media, entre os séculos XI e XIII, os concubinatos nada tiñan que ver con esta concepción que se implantaría séculos máis tarde, senón con alianzas políticas. Deste xeito, as concubinas estaban socialmente aceptadas e recoñecidas e tanto elas como os seus fillos gozaban de privilexios e respecto por parte de familia real e do pobo. De feito, a día de hoxe, e grazas a investigacións tan exhaustivas como a realizada por Inés Calderón Medina, do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, sabemos que os concubinatos foron un dos factores que máis influíu na delimitación da fronteira galego-portuguesa, nun tempo en que os territorios de Galicia e Portugal aínda non estaban ben definidos como zonas independentes.

Imaxe de unións civís homosexuais na Idade Media
Imaxe de unións civís homosexuais na Idade Media | Fonte: Arquivo

"A día de hoxe cando escoitamos a palabra 'concubina' ou 'concubinato' chámanos moito a atención, porque entendemos unha cousa que non é", asegura Calderón Medina. A investigadora explica que "entre os séculos XI e XIII aínda se estaba definindo o modelo de matrimonio canónico como unión sacramental e lexítima, sacralizada pola Igrexa e cuns requisitos: unión indisoluble, que precisa da vontade entre os cónxuxes, da virxindade da muller, que respecta os graos de consanguinidade e que leva aparellada un intercambio de bens, a dote". Pero neses séculos da Idade Media, como apunta, "ese non era o único modelo de unión de parella que había, pois pervivían outras unións que nada tiñan que ver co matrimonio canónico, con outras regras e que non estaban recoñecidas pola igrexa, e unha delas era o concubinato, que xogaba con outras normas: non xeraba un vínculo sagrado e indisoluble, podíase rematar cando desexasen os contraentes e que non precisaba da virxinidade da muller, aínda que si debía respectar o grao de consanguinidade entre os cónxuxes ata o cuarto grao para non caer no incesto".

Ademais, a investigadora incide en que o concubinato era "un asunto de familia, pois pactábase entre as familias que tipo de relación ían ter os fillos e fillas de cada unha entre eles". En resumo, era unha das formas de alianza máis entre outras que había: "O máximo grao de alianza familiar era o matrimonio canónico, pero tamén se utilizaba o concubinato". E por que non todos recorrían ao matrimonio pola Igrexa? Tal e como nos conta Calderón Medina, porque "o concubinato se usaba en realidade coma unha arma política moi importante": cando conviña creábase unha alianza e cando non rompíase para formar outra que convise máis. Nesa data os reinos de Galicia e Portugal aínda están definindo a súa fronteira, de tal xeito que "tanto os reis de León como os de Portugal precisaban contar co apoio da nobreza, señores das terras, para delimitar os territorios como gustasen".

"PARA ESTABLECER ALIANZAS NON ERA PRECISO FACER UNIÓNS PERPETUAS"

Así as cousas, a investigadora conta que "neses momentos tanto os reis de Portugal como os de León están reservando o matrimonio canónico, o eclesiástico, para facer alianzas con outras monarquías, é dicir, para casarse con outras princesas". Pon o exemplo do rei Sancho I, que se casa con Dulce de Aragón e de Afonso IX de León que casa primeiro con Teresa de Portugal e despois con Berenguela de Castela. Con todo, Calderón Medina explica que "para establecer alianzas non había porque facer esas unións perpetuas, senón que bastaba con establecer un concubinato con mulleres das familias que estaban asentadas neses territorios". Trátase dunha unión política, pero, ao mesmo tempo, fundamental, pois "tratábase de encarnar unha alianza, e de xeito literal, pois desas unións nacían fillos". 

Concubinato?
Concubinato? | Fonte: Arquivo

Deste xeito, a investigadora asegura que "aos reis o concubinato lles servía para ter aliados con eles aos parentes da súa concubina", pero, que gañaba con esa unión a concubina? "Pois que os seus parentes tamén introducisen sangue real na familia", apunta, lembrando que "isto era algo moi beneficioso nun mundo no que a diferenciación social dáse por dereito de sangue, é o teu sangue o que te sitúa nun 'status' dentro da corte": se naces campesino serás campesino toda a vida; se naces nobre, serás nobre toda a vida. Ademais, estamos falando dun tempo no que os fillos deses matrimonios ilexítimos dende o punto de vista eclesiástico tiñan todos os dereitos e, de feito, usaban as súas armas ao presentarse como fillos do rei e herdaban a parte que lles correspondía como fillos: "Non hai aínda no século XIII unha imaxen pexorativa ou negativa dos fillos ilexítimos". Esa mala imaxe non chegaría ata os séculos XIV ou XV.

"REXÍSTRANSE CASOS NOS QUE AVOA, NAI E FILLA SON CONCUBINAS DE SUCESIVOS REIS DE PORTUGAL E DE LEÓN"

Así, dábanse unións que a día de hoxe nos semellan impensables nunha época á que consideramos moi negra históricamente. Como conta Calderón Medina, "rexístranse casos nos que a avoa, a nai e a filla, é dicir, tres xeracións da mesma familia, son concubinas de sucesivos reis de Portugal e de León. Iso non era algo casual, había un claro interese político de emparentar con estas familias que dominaban o territorio no que se estaba dibuxando a fronteira entre Galicia e Portugal para conseguir o apoio das súas familias ao proxecto político de configuración das monarquías". Algo que non é nada fácil de averiguar a día de hoxe porque "os reis na súa documentación nunca aparecen con estas mulleres, si cando hai unha unión eclesiástica, pero non coas súas concubinas, aínda que si se poden atopar documentos con doazóns dos reis ás súas concubinas nas que empregan palabras onde se deixa ver ese afecto: 'amantísima' ou 'dilectísima'".

Aínda que a investigadora tamén chama a non confundirse: "Os concubinatos establecíanse cando os monarcas estaban viúvos ou solteiros, ou anularan o matrimonio preexistente, non podían estar casados e ter concubinas". "A concubina era a muller do rei e todo o mundo na corte o sabía e o acepta e, cando interesaba facer outra alianza, rompíase ese concubinato do que xa naceran varios fillos que tiñan a afiliación recoñecida e que usaban a heráldica da familia real, recibindo tamén bens do seu pai no testamento", conclúe. Polo tanto, aínda que a día de hoxe ao escoitar a palabra 'concubina' pensemos nalgo negativo, naquel momento as concubinas e os seus fillos eran algo socialmente admitido, recoñecido e respectado. 

"HOXE PARECERÍANOS UN ESCÁNDALO A IDEA DE TER FILLOS CO TEU SOBRIÑO"

Como exemplo de varias desas unións, Calderón Medina pon o caso de Sancho I de Portugal, que comezou no 1198 un concubinato con María Aires de Fornelos, xa que lle interesaba porque a súa familia estaba asentada no que hoxe é a actual fronteira Galicia-Portugal, en Crecente de Fornelos. Con todo, rompe ese concubinato ao ano seguinte e, despois, a filla de María Aires de Fornelos, Teresa Gil de Soverosa, entre 1218 e 1230 é concubina de Alfonso IX de León. E, por enrevesar aínda máis a cousa, a filla de Teresa Gil de Soverosa e de Alfonso IX de León, chamada María Alfonso, en 1238, ten unha relación de concubinato da que nace unha filla co seu sobriño, o infante Alfonso, que despois pasaría á historia como Alfonso X O Sabio. "Isto é algo que hoxe nos parecería un escándalo, a idea de ter fillos co teu sobriño, pero o propio Alfonso X parece que nunha cantiga xustifica esta unión dicindo que é por servizo á súa linaxe".

E é que "había unha política da monarquía para emparentar con mulleres desta familia que son as que controlaban o territorio da fronteira galego-portuguesa", de tal xeito que avoa, nai e filla tiveron relacións das que naceron fillos. Así se foi definindo, xunto a outros mecanismos, a través do concubinato, a fronteira entre Galicia e Portugal. Pero como apunta a investigadora, "o concubinato non só foi importante na zona galego-portuguesa, senón que semella que tamén serviu para definir outras fronteiras, coas concubinas musulmás: os reis tanto de Portugal como de León e Castela tiñan concubinas musulmás en momentos nos que se estaban estendendo cara o sur o reino, o que semellaba ser un pacto con mulleres dunha élite islámica". Agora mesmo Calderón Medina está estudando estes concubinatos, pero asegura que é unha tarefa máis complicada que no caso galego, pois aínda non se sabe quenes foron esas concubinas musulmás.

"A IGUALDADE NON ERA UN CONCEPTO QUE TIVESE SENTIDO NUNHA SOCIEDADE FEUDAL"

O concubinato non só era cousa de homes, tamén de mulleres, pois as unións facíanse tanto por parte de reis como de raíñas. Exemplo disto, segundo nos conta Calderón Medina, son Teresa de Portugal e a Raíña Urraca, que tiveron relacións de concubinato ao falecer os seus maridos, por exemplo cos Traba. No caso concreto de Teresa de Portugal, ten primeiro unha relación de concubinato con Bermudo Pérez de Traba, que é o fillo de Pedro Froilaz de Traba. Esa relación comeza no 1121 e dura moi pouco tempo porque semella que se precisa dunha alianza máis potente con esa familia, así que Teresa rompe ese concubinato con Bermudo e comeza un concubinato co seu irmán Fernando Pérez de Traba. Aí vese claramente esa alianza política. Pero, ao mesmo tempo, casa á súa filla froito dese matrimonio lexítimo anterior con Enrique de Portugal, con Bermudo Pérez de Traba, para reforzar a alianza.

Agora ben, aínda que este poida semellar un sistema igualitario, a investigadora incide en que "a igualdade non era un concepto que tivese sentido nunha sociedade feudal, non tiña a connotación que temos hoxe en día". E é que, de feito, explica que "mesmo as mulleres que tiñan o poder por dereito propio precisaban dun home ao lado e, cando enviuvaban, como no caso de Teresa e da súa irmá Urraca, precisaban casar de novo cun gran magnate da corte". E isto era algo que non aparecía nos documentos históricos como tal, pero si que logo houbo crónicas nas que "se critiban as relacións das mulleres que estaban nesta situación, ás que denominaban adúlteras, cando en realidade non eran adúlteras, eran viúvas". Así as cousas, neste senso si se aprecia unha misoxinia.

FIN DOS CONCUBINATOS: A IGREXA IMPÓN O SEU MODELO DE MATRIMONIO E A FORTE CRISE ECONÓMICA OBRIGA A DEIXAR DE REPARTIR A HERDANZA

Cando remataron os concubinatos? Cando a Igrexa logrou impoñer o seu modelo de unións católicas. Como explica a investigadora, "a Igrexa establece ese modelo canónico do matrimonio a partir de 1215, no IV Concilio de Letrán, para poder asentalo como un modelo que no fondo busca controlar a reprodución social, tendo en conta que a fin última do matrimonio é a procreación". A fin do concubinato, ademais de por esa presión da Igrexa, tamén se vería favorecido polas circunstancias sociais, xa que "a partir do século XIV, despois da gran peste, prodúcese unha forte crise económica e as familias nobres vense obrigadas a modificar a súa estrutura". "Ata ese momento herdaban os fillos e as fillas, tanto os bens do seu pai como os da súa nai, pero a partires da segunda metáde do século XIV xa se comezou a articular o testamento de xeito que só herdase o fillo primoxénito varón, que recibiría a maior parte do patrimonio, mentres que algúns dos seus irmáns varóns adicaríanse á carreira eclesiástica, ao igual que as irmás mulleres, saíndo así da herdanza".

Por iso chega ese momento no que "a nobreza comeza a denostar aos fillos ilexítimos, nados fóra do matrimonio católico, aos que consideraban sen dereito a herdar, dereito que ata ese momento si tiñan, pero xa non a partir de aí". E é que se deron conta de que "se en cada xeración van herdando todos os fillos e fillas o patrimonio vaise facendo cada vez máis e máis pequeno". Isto era algo que no século XIII, en plena expansión e conquista de Al-Andalus non tiña importancia, pois había terra para todos, pero cando esa expansión remata e comeza a crise económica, "a nobreza procura que as propiedades se manteñan unidas nun único representante da familia: o fillo varón primoxénito". "É unha cuestión de supervivencia da nobreza", resume a investigadora. 

Alfonso X O Sabio
Alfonso X O Sabio | Fonte: Wikipedia - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta