O financiamento dos partidos: débedas cos bancos que chegan a aportar o 40% dos seus ingresos

Un 80% do financiamento anual dos principais partidos políticos provén dos bancos e das subvencións que reciben polos votos recibidos en institucións como parlamentos, Congreso ou Senado segundo un informe de Recortes Cero

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ate o 80% do financiamento anual dos principais partidos políticos provén dos bancos e das subvencións que reciben de institucións como parlamentos, Congreso ou Senado. De feito, a maior parte deles, sobre todo, o PP e o PSOE, pero tamén o BNG en moita menor medida, teñen débedas con entidades bancarias das que chegaron a recibir o 40% dos seus fondos. 

Débedas das principais formacións políticas cos bancos
Débedas das principais formacións políticas cos bancos | Fonte: Recortes Cero

Son os datos dun informe publicado por Recortes Cero que suliña que no período 2019 a 2022, só catro formacións políticas recibiron case 600 millóns de euros de fondos públicos, que supoñen de media o 80% do total dos seus ingresos. Nas pasadas Eleccións Europeas, celebradas en 2019, catro partidos (PSOE, PP, Podemos e Vox) recibiron por distintas vías máis de 225 millóns de euros. E, a estes fondos, habería que engadir os salarios que reciben todos os cargos públicos das distintas formacións políticas nas institucións públicas, onde teñen representación.

Respecto a a débeda con entidades bancarias dos partidos políticos, alcanzou a súa cima en 2011 con 249 millóns de euros, pasando en 2015 a 176 millóns e en 2022 a 120 millóns. En 2011, a débeda do PP cos bancos foi de 78 millóns e a do BNG, 4,7 millóns, mentres que o PSOE chegou en 2105 a deberlle 75 millóns ás entidades bancarias. Este financiamento dos bancos supuxo unha media de mais do 40% dos ingresos dos partidos para cada exercicio. Aínda que a súa traxectoria é á baixa, en convocatorias electorais sobe de forma intensa. “O que pode supoñer un problema, se os partidos non obteñen os resultados esperados e obteñen diñeiro con subvencións públicas”, afirma o informe.

PSOE E PP OS MÁIS ENDEBEDADOS

PSOE e PP acaparan o groso do financiamento bancario ao longo dos anos. Mentres o PP ten unha taxa de interese do 2% o PSOE tena de practicamente o dobre. De feito, a débeda do PP en 2019 era de 23 millóns, a do PSOE de 20 e a do BNG de 1,1 millóns. Izquierda Unida tiña 15 millóns en débedas e CDC --moitos dos dirixentes hoxe en Junts-- tiña 11,4.

"Este financiamento dos bancos supuxo unha media de mais do 40% dos ingresos dos partidos para cada exercicio. Aínda que a súa traxectoria é á baixa, en convocatorias electorais sobe de forma intensa. O que pode supor un problema, se os partidos non obteñen os resultados esperados e obteñen diñeiro con subvencións públicas", denuncian desde Recortes Cero.

 

“Este matrimonio de bancos e partidos mantívose ao longo dos anos, principalmente de PP e PSOE, e o certo é que tras 15 anos desde o rescate bancario con fondos públicos, nin PP nin PSOE reclamaron os mais de 100 mil millóns de euros pendentes de devolución e sen condicións para facelo”, aseguran desde Recortes Cero, “mentres, asistimos ao maior enriquecemento da banca na historia de España, repartindo dividendos mil millonarios e cuxo destinatario principal é o capital estranxeiro”.

QUEN PAGA, MANDA?

Joanen Cunyat e Pablo Carretero de Recortes Cero, explicaron que traballan xa na segunda parte do informe para ter unha radiografía completa de “as bases de financiamento dos representantes públicos, para comprobar se realmente estase a  cúmprir o dito popular de que quen paga, manda”, aínda que esta primeira parte “xa o deixa bastante claro”. "Non estamos en contra das subvencións aos partidos políticos e dos préstamos bancarios, estamos en contra de que a parte principal das fontes de financiamento dos partidos non sexa o que perciben os que consciente e democraticamente deciden apoialos", critica Joanen Cunyat.

Recortes Cero, que tamén se presenta a estes comicios, asegura que non se financia con créditos bancarios nin acepta subvencións para financiarse. O orzamento electoral nestas Eleccións Europeas de Recortes Cero é de 50 mil euros, obtido con achegas durante a mesma campaña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta