Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2024 | Actualizada ás 14:49
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o deputado e portavoz de Economía no Congreso, Pedro Casares, avanzaron que o Executivo central vai investir 53,1 millóns de euros na comunidade galega para levar a cobertura móbil 5G a concellos de menos de 10.000 habitantes.
Fixérono este venres nunha xornada de traballo na que visitaron as instalacións da empresa Cinfo, na Cidade do TIC da Coruña, acompañados polo seu presidente e tamén do Clúster TIC, Antonio Rodríguez do Curral. Blanco anunciou que o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública publicou este xoves a resolución provisional destas axudas, enmarcadas no programa ÚNICO Redes Activas.
Esta iniciativa, segundo explicou, mobiliza 508 millóns de euros en todo o país para levar a infraestrutura necesaria que dote de cobertura 5G a máis de 1,8 millóns de habitantes de municipios pequenos, ademais de dar cobertura a 30.000 quilómetros da rede de estradas. En Galicia, en concreto, afectará a 146.000 persoas e a máis de 4.600 quilómetros.
Para Casares con esta medida o Goberno está "a apostar de forma de decidida por unha Galicia máis verde e dixital" co obxectivo de garantir que, a finais de 2025, "todo o territorio conte con conexión a Internet de alta velocidade, ben por fibra ou por satélite, e que a cobertura 5G sexa accesible a toda a poboación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.