Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 13:42
O prezo da vivenda de segunda man experimentou un incremento interanual do 6,8 % no mes de maio en Galicia, segundo o Índice Inmobiliario Fotocasa, que tamén reflicte un crecemento do 1,7 % con respecto ao mes de abril.
Segundo este índice, o ranking de Comunidades cos prezos de vivendas de segunda man máis caros está encabezado por Baleares e Madrid, que superan os 4.000 euros por metro cadrado, mentres que en Galicia o prezo medio sitúase en 1.786 euros por metro cadrado.
Por provincias, sobe o prezo en Pontevedra (11,6 %), Lugo (3,2 %) e A Coruña (3,1 %), e a primeira é a única que supera os 2.000 euros por metro cadrado, cun prezo de 2.187 euros/m2, fronte aos 1.718 euros/m2 da Coruña, os 1.443 euros/m2 de Ourense e os 1.274 euros/m2 de Lugo.
Con respecto ás capitais de provincia, Fotocasa sinala que Pontevedra rexistra un incremento interanual do 12,8 %, mentres que a subida na Coruña é do 7,1 %, en Ourense do 3 % e en Lugo do 1,3 %. A capital de provincia máis cara é A Coruña, cun prezo de 2.801 euros/m2, seguida de Pontevedra (2.238 euros/m2), Ourense (1.592 euros/m2) e Lugo (1.423 euros/m2).
E xa por municipios, os maiores incrementos rexistráronse en Carballo (27,2%), O Grove (25,9%), Barreiros (24,7%), Cedeira (23,6%), Sanxenxo (23,0%) e Noia (21,9%). En canto ao prezo por metro cadrado en maio, hai oito cidades que superan os 2.000 euros e son: Baiona con 2.970 euros/m2, Sanxenxo con 2.956 euros/m2, A Coruña capital con 2.801 euros/m2, Santiago de Compostela con 2.655 euros/m2, Vigo con 2.566 euros/m2, Oleiros con 2.328 euros/m2, Pontevedra capital con 2.238 euros/m2, e Mos con 2.136 euros/m2 .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.