Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 16:19
O BNG comprometeuse a defender en Europa o recoñecemento de Galicia como zona altamente dependente da pesca, e a traballar para que teña "voz e voto" na negociación da política pesqueira común. Así o trasladou a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, durante unha visita ao porto de Celeiro, no que mantivo, xunto á candidata, Ana Miranda, un encontro con representantes do sector.
Segundo subliñou Pontón, o recoñecemento como zona altamente dependente da pesca "é unha cuestión de sentido común" que permitiría a Galicia ter acceso a máis recursos, para garantir o futuro desta actividade. "Nós queremos ser a voz que defenda ao sector pesqueiro, cun programa onde recollemos propostas importantes para que Galicia siga sendo unha nación mariñeira", proclamou a líder nacionalista.
Por outra banda, sinalou que o BNG "pelexará" pola derrogación do principio de estabilidade relativa, xa que está "a discriminar" á frota galega, e por acabar coa prohibición de modernizar a frota para non incrementar a capacidade pesqueira. Así mesmo, o BNG avoga por revisar os acordos con terceiros países, sobre todo cos asiáticos, para "protexer mellor" a produción galega, xa que se está importando pescado nun marco de "competencia desleal".
Pontón referiuse tamén á necesidade de revisar urxentemente as vedas á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico, e a importancia de acabar co exceso de burocracia, que entorpece e resta competitividade ao sector. Pola súa banda, Ana Miranda reclamou unha reforma da Política Pesqueira Común "para que se teñan en conta os intereses do sector pesqueiro galego, e avogou porque Galicia teña "voz e voto" na Comisión Europea de Pesca. Así, insistiu en que "se o BNG non está, ninguén máis vai defender á pesca galega". Finalmente, apuntou a importancia de impulsar a substitución xeracional e apostar pola formación das persoas que traballan no mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.