Temas: FRASEOLOXíA

Expresións galegas equivalentes á castelá “a dos velas”: 1ª entrega da 1ª parte (sgdo. de “sen cartos”)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 09/06/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Visto que a Real Academia Galega, no seu dicionario normativo, condena expresamente a voz vela na súa significación relacionada coa peza de cera provista dunha torcida no seu interior e que se utiliza para alumar, remitindo para este significado á voz candea (e sen prexuízo de que haxa quen considere que vela si debería ser contemplada normativamente con esta acepción), parece que tampouco habería que validar na nosa lingua un fraseoloxismo como *a dúas velas, na medida en que as máis das hipóteses apuntan a que ten na súa orixe no dito significado (sen prexuízo, tampouco, de que algunha hipótese apunte a que a significación base do referido fraseoloxismo se atope nas velas dos barcos).

Diñeiro en efectivo
Diñeiro en efectivo | Fonte: NICKEL - Arquivo

Imos ver, daquela, nesta e mais nas vindeiras entregas, de que recursos expresivos dispomos en galego para dar conta dos diversos significados que pode presentar na lingua de Cervantes a referida locución.

Comezaremos pola acepción en que a dos velas fornece a significación de “sen cartos, ou sufrindo carencia ou escaseza de diñeiro”, acepción para a cal dividiremos o artigo en dúas partes, dada a inxente cantidade de secuencias expresivas que transmiten o referido significado.

Andar/Estar/Quedarse... a dos velas

{= Andar # Estar # Quedar... sen cartos, ou sufrindo carencia ou escaseza de diñeiro e recursos económicos.}

Andar/Estar/Quedar... á miñoca

Andar/Estar/Quedar... á pioca

Andar/Estar/Quedar... á rasca

Andar/Estar/Quedar... a velas vir

Andar/Estar/Quedar... a pan pedir

Andar/Estar/Quedar... a abanear # a abanar

Andar/Estar/Quedar... a pingar o moco

[E MAIS]:

Andar/Estar/Quedar... ós grilos # ás minchas # ás piñas # ás varelas

Andar/Estar/Quedar... a asubiar # a pitar

Andar/Estar/Quedar... nas pallas

Ex.: Invirtió todo su patrimonio y capital en un negocio que prometía, pero la cosa no cuajó y hoy en día está a dos velas.

Investiu todo o seu patrimonio e capital nun negocio que prometía, pero a choia non callou e hoxe en día está/anda á miñoca á pioca á rasca a velas vir a pan pedir a abanear a pingar o moco ós grilos a asubiar nas pallas.

● Tamén:

Andar/Estar/Quedar... descalzo && Andar/Estar/Quedar... descalzo de pé e perna && Andar/Estar/Quedar... por portas && Andar/Estar/Quedar... ós cágados na preguiza && Andar/Estar/Quedar... á quinta pregunta && Andar/Estar/Quedar... coa espiga mallada && Andar/Estar/Quedar... só co día e a noite && Andar/Estar/Quedar... a guindóns

● Tamén:

Andar/Estar/Quedar... pelado (de dinero)

Andar/Estar/Quedar... raspado (de cartos # de diñeiro) && Andar/Estar/Quedar... palmado (de cartos # de diñeiro) && Andar/Estar/Quedar... pelado (de cartos # de diñeiro)

● Tamén:

Andar/Estar/Quedar... sin blanca

Andar/Estar/Quedar... sen branca && Andar/Estar/Quedar... sen branca de pan

NOTAS:

1. En relación coa locución galega a pingar o moco (que, como se verá nos vindeiros artigos, é empregable tamén para as outras acepcións que abrangue a castelá a dos velas), é de facer notar que non poucas veces vai acompañada, por parte do emisor, do aceno ou actitude cinésica de pór dous dedos da man –normalmente o índice ou furabolos e mais o maior ou pai de todos– xusto debaixo das ventas do nariz.

Este mesmo xesto ou aceno non é en absoluto alleo á emisión en castelán da locución a dos velas, xesto que, daquela, posiblemente teña a súa orixe na interpretación do significado de velas como “Mocos que cuelgan de la nariz, especialmente en los niños” (acepc. 9 do DRAE na entrada vela1).

Así pois, e neste sentido, a relación que se establece entre a secuencia expresiva castelá a dos velas e a galega a pingar o moco resulta nítida e transparente.

2. Polo que respecta á locución á rasca (tirada da contribución “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”, de Dorinda Penín Rodríguez), tamén se emprega, tal e como se comenta no dito traballo, aplicada a cousas que escasean ou que non alcanzan os mínimos que se poderían considerar máis ou menos normais ou esixibles (compartindo, polo tanto, certos espazos de uso coa locución castelá bajo mínimos). Exs. (tirados ó dereito do dito traballo):

Ex. 1: O centeo ándame á rasca, non sei se terei que comprar.

Ex. 2: Non comas chourizos, que andan á rasca.

3. No traballo “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”, de María Victoria Cerviño Ferrín, ofrécese unha posible explicación da procedencia do fraseoloxismo andar á quinta pregunta, que reflectimos deseguido:

«l.v. Non ter nada, andarlle pedindo sempre diñeiro aos demais. Posible reelaboración hiperbólica de andar á cuarta pregunta, da que se di que procede de que nos xulgados, cando se tomaba declaración, as preguntas identificadoras eran estas catro: 1. Nome e idade. 2. País. 3. Relixión e estado civil. 4. Ingresos e patrimonio; e que todos tendían a responder negativamente a cuarta pregunta para evitar embargos. Aínda ten un bo soldo e mais anda sempre á quinta pregunta

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas (xuntamos neste caso as fontes nas que baseamos a presente e mais a seguinte entrega):

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Departamento de Cultura do Concello de Muxía: “Proxecto Buserana”. No seguinte enderezo de Internet: http://proxectobuserana.concellomuxia.com/a-benvida-ao-proxecto-buserana/.

- Disionario da Revolusionaria Academia Morrasense da Lingua. Ó cal se accede no enderezo de Internet http://disionariomorrasense.blogspot.com/p/refrans-morrasenses.html.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Leiras Pulpeiro, Manuel: Vocabulario elaborado por Manuel Leiras Pulpeiro, datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [agora, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta