Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/06/2024 | Actualizada ás 13:27
O Sindicato Labrego Galego (SGL) denuncia "unha nova ofensiva de destrución da cadea de valor" por parte das industrias ao presentar ofertas "en todos os casos" con recortes nos prezos que se pagan a gandeiros galegos, con explotacións nas que o litro de leite se chega a pagar por debaixo de 40 céntimos. Nun comunicado, o Sindicato avanza que acudirá á Axencia de Información e Control Alimentario para denunciar os contratos que destrúen prezos, xa que algunhas granxas acumulan unha rebaixa de ata 20 céntimos desde os 60 céntimos que chegaron a cobrar en inverno de 2023 ata os 39 céntimos que se ofertan nestes momentos.
Lembra que xa no mes de febreiro tivo "coñecemento de que Lactalis e Leite Río estaban ofertando idénticos abaratamentos de leite á distribución", polo que se advertiu que estas estratexias comerciais "terían consecuencias para as ganderías". Nesta liña, alerta de que esta baixada "supón unha clarísima vulneración da Lei de Cadea Alimentaria", ao tempo que carga contra "tan cacareada como inútil Conta Láctea" por parte da Xunta, "deixando ás labregas indefensas ante a extorsión das industrias". E que "as estratexias ilegais de baixada coordinada das industrias lácteas están presentes demasiado a miúdo no sector".
"Fai semanas que tamén solicitamos entrevista á nova conselleira de Medio Rural para trasladarlle estes problemas e os doutros sectores, sen que ata o momento se dignase tan sequera a contestar", reprocha o SLG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.