A tecnoloxía no rural: desde un 'smartwatch' para vacas a poder mercar e vender a través dunha aplicación

Falamos con Elio López, CEO de Innogando, unhas das primeiras empresas que se anunciaro en Vacapop.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 16/06/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

"Descubrimos Vacapop, a través dos medios, cando falaban do Wallapop das vacas e chamounos a atención", así fala Elio López García, CEO de Innogando da aplicación de compra-venta de gando, Vacapop. Permite subir anuncios con fotografía, tipo de animal, ubicación, prezo e descrición para así conseguir chegar a un trato. "Tiña bastante penetración neste mercado, así como éxito e consideramos que era un bo escaparate para nós. Así, fai un ano decidimos anunciarnos", comenta. Desta maneira, a aplicación de orixe asturiana xerou novos clientes para a startup lucense Innogando: "A repercusión e visibilidade notáronse, xa que moita xente se puxo en contacto con nós desde Vacapop". 

Captura de Vacapop
Captura de Vacapop

Esta é a proba de que o sector gandeiro e do agro están máis que adaptados ás novas tecnoloxías e ferramentas para que todo sexa máis doado. Elio recoñece que se cadra seu pai e a súa xeración non está demasiado "familiarizado coa idea de vender a través de internet", pero que os máis novos sempre están co móbil.

UN 'SMARTWATCH' PARA AS VACAS

Un exemplo de aplicación das novas tecnoloxías á gandería está en Innogando que, tal e como indica o seu nome, innova e creou "un smartwatch para as vacas". O CEO da empresa explica que se trata dun dispositivo, 'rumi', capaz de monitorizar en tempo real a actividade do animal e saber se está "rumiando ou comendo, todo en detalle". Tamén lles permite coñecer a ubicación e enviarlle alertas ao gandeiro cando algo non vai ben. Polo momento, están centrados no gando vacún e cabalar, aínda que expón que sería adaptable a calquera outro tipo de gando. 

Este smarwatch, tal e como conta, nun inicio soe poñerse nunha parte do rebaño e logo se vai completando, se lle ven funcionalidade, que é o que pasa na maioría dos casos. "Para ter un servizo completo, o mellor cada animal debería ter un, custa sobre 120 euros por animal, aproximadamente", indica Elio. Como outro punto destacado de 'rumi' está a ausencia de mantemento ao levar "un panel solar que permite non ter que recargar", polo que tería unha vida útil duns "cinco ou seis anos". 

O propio propietario dos animáis pode ter a aplicación nos seus dispositivos, o que lle permite tamén saber todo en tempo real. "Tamén se pode incluír eventos, recibe alertas, vén funcionando como un diario das súas vacas", comenta. Na actualidade, Innogando ten este dispositivo tanto en España como en Portugal, con "preto de 1.000 explotacións e 20.000 animáis en termos xeráis". 

AS ORIXES DE INNOGANDO: UN PROXECTO UNIVERSITARIO

Innogando como empresa naceu fai catro anos e desde o 2022, comezaron coa comercialización deste dispositivo mencionado de xeito intensivo. Actualmente traballan en melloralo e buscan levalo a outros países: "Estamos falando que a nivel mundial hai menos de quince empresas en todo o mundo que fagan algo similar, si que é certo que en España hai dúas empresas que fan algo así, pero eles localizan aos animais e nos monitorizamos, iso é o diferente. 

Elio conta que Innogando xorde dun proxecto universitario, cando se xuntaron, ao principio, catro socios: "Eu, que son veterinario, outra rapaza tamén veterinaria e un enxeñeiro informático e un electrónico". Naceu a partir de programas universitarios, ata que crearon a empresa e comenta que recentemente conseguiron que "a maior cooperativa de España, a do Val dos Pedroches, Covap", invertira na empresa. Na mesma traballan unhas 26 persoas cunha media de idade bastante nova e en Lugo. "Temos bastante xente que estudou aquí e busca traballar no rural para conseguir melloras", sostén. 

Destaca que o seu traballo se basea en dar solucións a eses problemas que os gandeiros teñen identificados e que lles poden axudar no seu día a día. A conciliación coa vida fóra da granxa é moito máis doada ao non teren que estar preto do gando de xeito físico vixiando. De igual forma, contan cos avisos en caso de alerta ou risco para os animáis. Isto, fai un tempo atrás era impensable e non quedaba outra que saír ao pastoreo: "As xeracións máis novas non imos seguir facendo o que facían os nosos avós, os nosos pais xa non fan o que facían eles e nos non imos facer o que fixeron os nosos pais. Existe unha evolución do traballo que permite que o sector siga vivo". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta