Así están as policías locais en Galicia: diferentes corpos, mesmas necesidades

As diferentes policías locais galegas están acusando aínda as taxas de reposición ademais de experimentar un déficit importante de persoal. Isto tendo en conta que nalgunhas cidades e vilas asumen máis competencias que Policía Nacional e Garda Civil e que as súas nóminas poden estar, de media, uns 500€ por debaixo dos outros corpos e forzas de seguridade do Estado.

Por Moncho Mariño | Santiago | 19/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A carencia de efectivos humanos é o primeiro punto que as diferentes policías locais de Galicia quererían ver solucionado. A media de axentes debera ser de 1,8 por cada 1.000 habitantes. Actualmente esa media non se cumpre na maioría de concellos con obrigación de ter un corpo de Policía Local, municipios cunha poboación de 5.000 persoas en diante, onde deben figurar como mínimo un oficial e dous axentes. Os alcaldes e alcaldesas son os responsables directos dos seus respectivos corpos de policía local ou municipal. Ademais, son os concellos os que dipoñen os salarios dos seus axentes segundo a escala técnica de cada un. Segundo o documento 'Coordinación de Policías Locais. Memoria de Actividades. Exercicio 2022' elaborado pola anterior Vicepresidencia segunda da Xunta de Galicia e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o número total de prazas nos diferentes corpos de policía local era de 2.777 e delas 2.201 estaban ocupadas, isto é, faltaban 576 prazas por cubrir (aproximadamente un 21% de prazas sen ocupar ese ano). Doutra banda, as remuneracións salariais son unha media de 500€ máis baixas en comparación coas doutros corpos de seguridade como son a Policía Nacional e a Garda Civil. Alén disto, está o ámbito competencial que nalgúns casos superan os das outras forzas de seguridade dentro do ámbito territorial de cada corpo municipal.

Axentes da Policía Local
Axentes da Policía Local | Fonte: Arquivo

TAXA DE REPOSICIÓN E FALTA DE EFECTIVOS

A conxelación dos orzamentos para o ano 2024 (é dicir, continuarase coas contas de 2023) estendeu o temor entre moitos e moitas traballadoras públicas de non ver finalizada a taxa de reposición. Este límite sobre o número de persoas que poden acceder a postos públicos afecta tamén de maneira directa aos e ás axentes dos diferentes corpos de policías locais en Galicia. Que supón isto? Que se nun principio se esperaba a retirada da taxa de reposición para este 2025, o máis probable é unha continuidade desta limitación e por tanto a falta de efectivos nos corpos policiais locais.

Un exemplo pode ser a propia cidade de Santiago, onde o número de axentes debera ser duns 179 en atención aos ratios marcados de 1,8 policías por 1.000 habitantes. Actualmente son 124 efectivos e para o ano que vén (2025) convocaranse 12 prazas que darían un total de 136 axentes. “Desde este mes de xuño até decembro vanse xubilar entre sete e oito axentes e sumando a taxa de reposición quedarán case como están agora” sinalan desde a directiva do Sindicato Profesional de Policías Municipales de España (SPPME) en Galicia.  A tradución disto é un déficit na cobertura de servizos para a cidadanía, un aumento dos perigos para os axentes (en vez de enviar dúas patrullas necesarias para un operativo, só enviarán unha).

A cobertura das prazas faríase mediante as convocatorias realizadas polos concellos. “Son os municipios quen anuncian as prazas, mais os exames (oposicións) son delegadas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)” din desde CCOO. “Un 25% das prazas convocadas son para mobilidade, na AGASP presentas as instancias para mobilidade e logo segundo puntuación, un axente poderá desprazarse a outro lugar” din desde o CSIF.

Policía Local de Vigo
Policía Local de Vigo | Fonte: xornaldevigo.gal

SOBRE COMPETENCIAS

A partir da Lei Orgánica  2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, a Xunta de Galicia e os demais gobernos autonómicos asumiron as competencias sobre coordinación das policías locais. Así promulgouse a Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia e logo chegou a Lei 4/2007, do 20 de abril, o último texto en vigor e que buscaba a adaptación ás novas realidades municipais como a de combater “a delincuencia de proximidade”. Este último texto foi ampliado mediante decretos, o último é o Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.

Os dous últimos corpos legais deixaban claros algúns puntos como son o de confirmar o número mínimo de habitantes dun concello para ter un corpo local de policía (5.000 persoas) e que aqueles concellos con menos habitantes poderían ter un corpo de vixilantes municipais sempre que a Xunta o autorizase. Ademais disto, as diferentes leis e decretos establecían unha serie de competencias buscando un réxime de colaboración e cooperación coas demais forzas de seguridade. “Ningún corpo está supeditado a outro, no caso das competencias de tráfico a policía local dun concello pode ter en exclusiva o control do tráfico no casco urbano e no resto do territorio municipal pode asinar convenios coa Garda Civil” sinalan desde SPPME.

“Existe unha colaboración recíproca entre os corpos, no caso da Policía Nacional ou da Garda Civil, teñen competencias en investigación” din desde CCOO. “A Policía Municipal ten competencias no programa VioGen (contra a violencia de xénero), levamos notificacións dos xulgados ou dos concellos”. Tamén poden atender as competencias sobre menores que serían propias da Policía Autonómica. “Nese caso podemos abrir as primeiras dilixencias e logo pasámolas á Policía Nacional ou á Autonómica” din desde SPPLE.

En canto á orde pública, realmente a Policía Local é quen controla o tráfico cortando ou abrindo accesos mentres Policía Nacional ou Garda Civil son quen actúan no control de manifestacións, en investigacións e en tráfico dentro dos ámbitos sinalados na lei.

SALARIOS

“Cada concello é un reino nese sentido” din desde CCOO que tamén apuntan: “ salario base para un C1 está en case 900€”. “O salario pono o concello, logo están conceptos como os trienios que os pon o Estado e logo os específicos que avalían o posto de traballo” din do SPPME. A avaliación faise mediante unha Relación de Postos de Traballo (RPT), sistema polo que unha administración fai unha ordenación do seu persoal.  Se aos anteriores 900 euros lles sumamos diferentes complementos un salario promedio pode estar en 1.600 euros, aínda que poden existir variacións arriba e abaixo segundo os termos municipais.

Segundo varemos feitos por organismos privados (academias, sindicatos, organizacións cívicas), dentro das comunidades autónomas as medias das nóminas para as súas policías locais poden ir desde os 2.200€ de Madrid pasando por 1.750€ en Galicia aos 1.000 en Cantabria. “Pode haber unha diferenza de entre 500€ e 600€ entre o que cobra un policía local e o que recibe un Policía Nacional ou un Garda Civil, por iso pedimos unha unificación de salarios para todas as policías locais” sinalan desde CCOO. “O feito de cobrar moito menos nun concello pequeno respecto dunha cidade tamén desanima a ocupar prazas neses municipios pequenos”. “As subas dos nosos soldos deberan ir parellas á suba do IPC, do custo da vida” din do SPPME.

Actualmente as diferentes policías municipais ou locais galegas son deficitarias en canto persoal, sexa cal sexa a localidade e sexa cal sexa o orzamento que se destine a este corpo policial. Por outra banda, tamén piden elementos como mellora nas equipacións (vehículos, uniformidade, etc.) e ferramentas de traballo como bases de datos unificadas como as doutros corpos de seguridade. Porén, agora mesmo, a grande necesidade é a falta de persoal que cubra todas as prazas necesarias.

Prazas Polilcía Local Galicia
Prazas Polilcía Local Galicia | Fonte: Xunta de Galicia 2022
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta