Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/06/2024 | Actualizada ás 10:50
O'Mega, o único sindicato de facultativos con representación en Galicia, decidiu renunciar á subvención da Xunta que lle correspondería, unha decisión adoptada para garantir, di, "a súa transparencia e a súa independencia na defensa os dereitos dos médicos e do resto dos facultativos e esixir sen ataduras a mellora das condicións laborais dos profesionais da sanidade pública galega".
Os tres sindicatos maioritarios en Galicia -Comisións Obreiras, UGT e CIG- repartiranse este ano 970.000 euros en concepto de subvencións que a Xunta concede ás organizacións sindicais con actividade en Galicia. O Goberno galego, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, destina máis dun millón de euros a subvencionar ás organizacións sindicais tanto para o seu propio funcionamento como para cursos de capacitación dos seus cadros sindicais.
Ademais dos tres sindicatos maioritarios, tamén se beneficiarán este ano de subvencións da Xunta organizacións como CSIF, USO, ANPE, SATSE, a Asociación de Cadros de Banca ou mesmo o Sindicato Independente e Profesional de Profesores de Relixión.
O'MEGA, o sindicato máis representativo entre os facultativos galegos, decidiu declinar estes fondos públicos e nin sequera solicitalos porque" entende que un sindicato só pode garantir a súa independencia se se financia única e exclusivamente co que recada coas cotas dos seus afiliados" O sindicato de médicos independentes de Galicia veu adoptando esta postura de renunciar a recibir financiamento externo durante os últimos 20 anos,
"Renunciar a financiarse con fondos públicos é a mellor garantía de independencia para unha organización sindical que non ten ataduras de ningún tipo -nin políticas nin económicas- no seu defensa do colectivo profesional ao que representa", di o presidente de O'Mega, Manuel Rodríguez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.