A Xunta busca activar dereitos mineiros de metais raros: coltán, litio, platino, wolframio, cobalto ou tántalo

Detecta que hai 200 dereitos mineiros caducados. Dereitos que poderían ser concedidos de novo a empresas interesadas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/06/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A Xunta pode activar dereitos mineiros que teñan caducado nos últimos anos. Así o recolle  primeiro Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros de Galicia. Unha iniciativa coa que o Goberno galego aspira a impulsar a investigación de materiais minerais fundamentais de metais raros para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento. 

Mina de coltán de Penouta, en Viana do Bolo. Rosa Veiga - Europa Press
Mina de coltán de Penouta, en Viana do Bolo. Rosa Veiga - Europa Press

 

Na primeira fase preliminar estudará os dereitos caducados atendendo a aspectos como a clase de recurso ou o tipo de dereito. Nomeadamente, permiso de exploración, de investigación, de concesión directa de explotación e de concesión de explotación. En total, hai máis de 200 destes permisos caducados.

 

Por iso, este plan recolle a posibilidade de sacalos en concesión "se procede". Un anuncio que chega tras longas loitas sociais, e xudicias, que provocaron, entre outras, a retirada do permiso de vertedura á polémica mina de San Fins ou a posible anulación do plan ambiental de Casalonga.

 

Alfonso Rueda destacou a importancia da produción de minerais cuxa demanda está a aumentar polos procesos de descarbonización da economía. Galicia, destacou, é líder na produción de varios minerais e conta co único xacemento coñecido en Europa de coltán, moi apreciado no ámbito tecnolóxico. Este xacemento é o de Penouta, en Viana do Bolo, actualmente paralizado por orde xudicial debido aos riscos para o medio ambiente.

 

MATERIAS RAROS

 

Ademais, destacou que Galicia conta con recursos naturais minerais de enorme valor como o cobre, o magnesio, o silicio metálico, o antimonio, o titanio, o wolframio, o platino, o litio, as terras raras, o cobalto, o tántalo e o niobio. Destes tres últimos minerais, Galicia é a única zona europea na que se ten detectado a súa presenza ata a data. Así mesmo, o barito e o grafito son outros minerais que se teñen identificado aquí. 

 

Produtos de uso cotiá como o móbil, o vidro, o automóbil eléctrico ou os escáneres de uso médico están elaborados con estes materiais cuxa subministración se agarda creza de maneira exponencial, pero que presentan un risco importante de desabastecemento.

 

Tras analizar as concesións caducadas, nas seguintes fases do plan definiranse os dereitos e os criterios de baremación dos concursos e se procederá á súa convocatoria, na que aquelas empresas interesadas poderán solicitar nun primeiro momento permisos de investigación que lles permitan determinar o potencial do subsolo e, posteriormente, e de ser o caso, solicitar a concesión de explotación para poñer en marcha proxectos mineiros "que empreguen métodos de extracción e produción respectuosos co ambiente".  "Primeiro  hai que regularizar todo isto e logo, a partir de aí, poñer contadores a cero e poñer a andar todo con criteiros de sustentabilidade medioambiental", destacou Rueda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta