Temas: FRASEOLOXíA

Expresións galegas equivalentes á castelá “a dos velas”: 2ª entrega da 1ª parte (sgdo. de “sen cartos”)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 16/06/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Proseguimos, daquela, nesta segunda entrega co artigo principiado a semana pasada, no cal abordamos as secuencias expresivas galegas que cobren, ou poden cubrir, os mesmos espazos de uso cá castelá a dos velas cando esta presenta o significado de “sen cartos, ou sufrindo carencia ou escaseza de diñeiro e recursos económicos”.

Hermanager - Viñeta de... humor - Cans come cartos
Hermanager - Viñeta de... humor - Cans come cartos

Andar/Estar/Quedarse... a dos velas

{= Andar # Estar # Quedar sen cartos, ou sufrindo carencia ou escaseza de diñeiro.}

Andar/Estar/Quedar... á miñoca

Andar/Estar/Quedar... á pioca

Andar/Estar/Quedar... á rasca

Andar/Estar/Quedar... a velas vir

Andar/Estar/Quedar... a pan pedir

Andar/Estar/Quedar... a abanear # a abanar

Andar/Estar/Quedar... a pingar o moco

[E MAIS]:

Andar/Estar/Quedar... ós grilos # ás minchas # ás piñas

Andar/Estar/Quedar... a asubiar # a pitar

Andar/Estar/Quedar... nas pallas

Ex.: Invirtió todo su patrimonio y capital en un negocio que prometía, pero la cosa no cuajó y hoy en día está a dos velas.

Investiu todo o seu patrimonio e capital nun negocio que prometía, pero a choia non callou e hoxe en día está/anda á miñoca á pioca á rasca a velas vir a pan pedir a abanear a pingar o moco ós grilos a asubiar nas pallas.

● Tamén:

No tener (ni) un ochavo # (ni) blanca # (ni) una peseta # (ni) un clavo

[E MAIS]:

Andar/Estar/Quedarse... sin un ochavo # sin blanca # sin una peseta

Non ter (nin) un can # (nin) un peso # (nin) un pataco # (nin) un patacón # (nin) unha cadela # (nin) un cadelo # (nin) un real # (nin) unha peseta && Non ter (nin) chica && Non ter (nin) un estarabaco

[E MAIS]:

Andar/Estar/Quedar... sen un can # sen un peso # sen un pataco # sen un patacón # sen unha cadela # sen un cadelo # sen un real # sen unha peseta && Andar/Estar/Quedar... sen chica && Andar/Estar/Quedar... sen un estarabaco

● Tamén:

Andar/Estar/Quedar... a ruche

Andar/Estar/Quedar... a ruche && [MESMO TAMÉN COAS VARIANTES]: Andar/Estar/Quedar... a ruchas # ás ruchas

● Tamén:

Andar/Estar/Quedar... en las últimas && Andar/Estar/Quedar... en los últimos # a los últimos

Andar/Estar/Quedar... no último furado da chavella && Andar/Estar/Quedar... nas últimas

● Tamén:

Andar/Estar/Quedar... con una mano atrás/detrás y otra delante && Andar/Estar/Quedar... con una mano delante y otra atrás/detrás && Andar/Estar/Quedar... con un trapo atrás y otro (a)delante

Andar/Estar/Quedar... cunha man diante e outra detrás && Andar/Estar/Quedar... cunha man chea de nada e outra de cousa ningunha && Andar/Estar/Quedar... cunha camisa na pedra e outra na costela && Andar/Estar/Quedar... cun pé calzo e outro descalzo && Andar/Estar/Quedar... sen máis apaño có día e a noite && Estar/Quedar... cos camiños para andar && Estar/Quedar... sen un consolo && Non lle quedar un consolo

● Tamén:

(Andar/Estar/Quedar... que) No tener más que la capa en el hombro

(Andar/Estar/Quedar... que) Non ter (nin) para mandar tocar un cego && (Andar/Estar/Quedar... que) Non ter (nin) para facer cantar un cego && (Andar/Estar/Quedar... que) Non ter un can para mandar cantar un cego && (Andar/Estar/Quedar... que) Non ter un peso para mandar cantar un cego && (Andar/Estar/Quedar... que) Non ter unha cadela para facer bailar un cego

● Tamén:

(Andar/Estar/Quedar... que) No tener ni para un bocado

(Andar/Estar/Quedar... que) Non ter (nin) para un anaco de pan # para un cacho de pan && (Andar/Estar/Quedar... que) Non ter para sal nin auga && (Andar/Estar/Quedar... que) Comer da veiga

● E mesmo, asociada a contextos de uso familiares e coloquiais, e mesmo a un rexistro vulgar:

Andar coma a(s) puta(s) na coresma

NOTAS:

1. A locución nin chica, que quen isto escribe ten de seu, é empregada tamén, alén de para dar a entender que non se teñen cartos ningúns ou non se gañan cartos ningúns, para manifestar que unha persoa ou cousa presenta moi pouco valor, ou moi baixa calidade, respecto daquilo do que se está a falar (tal e como se pode comprobar nos seguintes exemplos, poderíase grosso modo conmutar pola voz nada, o cal nos indica que viría máis ou menos a se corresponder con ela cando esta presenta usos deste tipo):

Ex.: —¿Que tal de marea? ¿Pescastes ben? —Nada, meu home, nin chica. Fomos traballar polo caldo.

Ex.: Ser érache moi mirada para todo e foi coller mozo fóra, pero o pobre, nin chica [isto é, o mozo, segundo quen emite o enunciado, vale ben pouco].

Ex.: Nada, meu, o coche que comprei, nin chica [ou sexa, que lle saíu moi cativo], non che me dá máis ca problemas.

Ex.: —¿E como andas de sexo ultimamente?—Nada, nin chica, non papo nada de nada.

Ex.: —¿Que tal o exame?—Nin chica, non aprobo nin que caia a catedral.

Ex.: —¿Que tal o pasastes no concerto?—Nin chica, unha puta merda.

Etc.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas (como xa comentamos na entrega precedente, xuntamos as fontes nas que baseamos a presente entrega e mais a da semana pasada):

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Departamento de Cultura do Concello de Muxía: “Proxecto Buserana”. No seguinte enderezo de Internet: http://proxectobuserana.concellomuxia.com/a-benvida-ao-proxecto-buserana/.

- Disionario da Revolusionaria Academia Morrasense da Lingua. Ó cal se accede no enderezo de Internet http://disionariomorrasense.blogspot.com/p/refrans-morrasenses.html.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Leiras Pulpeiro, Manuel: Vocabulario elaborado por Manuel Leiras Pulpeiro, datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [agora, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta