Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 11/06/2024 | Actualizada ás 11:33
Un aurousano acusado de agredir a outro mozo e arrincarlle un anaco de orella durante unha pelexa nun bar de Vilagarcía de Arousa poderá evitar o cárcere se paga a indemnización. Este martes estaba sinalado na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra o xuízo contra o home, acusado dun delito de lesións con deformidade. A vítima, que no momento dos feitos tiña 22 anos, sufriu unha mordedura con perda de sustancia do pavillón auricular dereito.
O xuízo non chegou a celebrarse porque as partes chegaron a un principio de acordo que aínda non se pechou. Segundo se pactou, o acusado admitirá a autoría dos feitos que se lle imputan e a cambio a Fiscalía rebaixará a petición de condena, que inicialmente é de cinco anos e medio de prisión para o arousán.
Segundo informaron fontes xudiciais coñecedoras da causa, o acusado evitaría o ingreso no cárcere se abona a indemnización que se fixou en 624,61 euros polas lesións sufridas e en 7.421,95 euros polo prexuízo estético moderado. Ademais deberá abonar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) polos gastos sanitarios causados a cantidade que se determine no xuízo ou en execución de sentenza.
Nos próximos días volveranse a citar ás partes para pechar este acordo ou ben celebrar o xuízo se este non frutifica. Os feitos producíronse na medianoite do 3 de decembro de 2022. Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, concorre o agravante de reincidencia xa que o presunto agresor xa foi condenado no 2019, tamén por lesións, a seis meses de multa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.