Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/06/2024 | Actualizada ás 14:11
A directora executiva de Greenpeace España, Eva Saldaña, advertiu este xoves en Vilagarcía de Arousa de que a situación que vive a ría de Arousa é a "punta do iceberg" do que ocorre no resto do mundo. Así o fixo nunha rolda de prensa celebrada na cuberta do buque 'Arctic Sunrise' que, na xornada do mércores, foi recibido á súa entrada na ría por centos de embarcacións para protestar contra Altri e en defensa do mar.
"O que ocorre na ría de Arousa é a punta do iceberg do que sucede no resto do mundo, coas ameazas tan grandes que teñen os océanos e a xente que vive, traballa e protexe o mar", lamentou Saldaña. A continuación, asegurou que o buque se atopa en Arousa no marco da súa campaña para protexer aos ecosistemas mariños, á xente que vive deles e para dicir "non" ao proxecto que a fábrica de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei. "Non imos deixar que sala adiante", esgrimiu.
Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, definiu a situación das rías galegas como "unha treboada perfecta" na que conflúen diferentes factores. Un deles, continuou, é a "diminución de días" nos que fai vento do nordeste o que "dificulta a circulación e a renovación" da auga da ría e, por tanto, a entrada de nutrientes dos que se alimentan os bivalvos.
Xaquín Rubido sinalou á contaminación como o "outro gran problema" que sofren as rías galegas e reclamou a intervención da Administración para implementar medidas que restrinxan "dun modo taxativo" a contaminación das rías. Tamén reclamou a esixencia da paradigma da Unión Europea de 'quen contamina, paga'. "Algo que nunca se cumpre, sobre todo se están involucradas grandes industrias ou estacións depuradoras de augas residuais", criticou.
O MARISQUEO "ESTÁ NA UCI"
O patrón maior da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán, remarcou este xoves que o marisqueo na ría de Arousa está "na UCI". Así, factores externos relacionados co cambio climático como as altas temperaturas da auga ou a baixa salinidade como consecuencia das "sucesivas riadas", provocaron unha "diminución de máis do 30 % da produtividade" da ría.
Ademais, continuou Rial Millán, se o proxecto de Altri "vai adiante" sería como "porlle o crucifixo encima do cadaleito e matarnos dunha vez por todas". Ante esta situación, o patrón maior propuxo como solucións a rexeneración dos bancos marisqueiros e o saneamento das augas das rías. "Cos 250 millóns que lle van a dar a Altri rexeneraríanse todas as rías de Galicia", apuntou.
"SEN SUBSTITUCIÓN XERACIONAL"
A presidenta das mariscadoras de Carril, María Porto, lembrou que o proxecto de Altri "contempla xerar ao redor de 500 postos de traballo", en tanto que "só na ría de Arousa son 19.000 persoas" as que viven de forma directa do marisqueo. Porto considerou que continuar vivindo do mar en Galicia vai ser "realmente difícil" se a produción "segue baixando" ao ritmo dos últimos anos.
Neste sentido, alertou das dificultades que "xa existen" para que se produza a necesaria substitución xeracional. "Eu, sinceiramente douno por perdido", apuntou á vez que lembrou que levan desde decembro "sen ingresar un euro", pero pagando a Seguridade Social e a semente de mexilla.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.