Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/06/2024 | Actualizada ás 18:37
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou este xoves en Xinzo de Limia no encontro internacional que conclúe o programa Escolas de Fronteira deste curso, unha iniciativa entre España e Portugal na que participaron seis centros galegos.
En total, este curso participaron na iniciativa un total de 49 centros de España e Portugal. No caso de Galicia, participaron os colexios CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), CEIP Princesa de España (Verín) e CEIP Plurinlingüe Amaro Refojo (Verín).
A representante da Consellería de Educación felicitounos pola súa disposición a formar parte desta iniciativa e polo seu interese por tecer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Durante a xornada, os colexios participantes presentaron o seu proxecto en conxunto co seu centro espello portugués, co cal promoveron a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.
Para levar a cabo estas actividades, o profesorado realizou unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais. Así mesmo, participaron no encontro representantes da Embaixada de España en Portugal, así como membros das delegacións e gobernos de Portugal, Estremadura e Castela e León.
O encontro evidencia a importancia de fomentar a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués, dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. As actividades interdisciplinarias realizadas engloban as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.