O III Festival Literario de Allariz achegará ao público a figura dos axentes literarios

Este evento busca consolidar un espazo de encontro entre a comunidade lectora e todas aquelas persoas que forman parte da cadea de valor do libro. Celebrarase os días 5 e 6 de xullo. Este ano contará coa presenza dos autores Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols e Berta Dávila; e os axentes literarios Marina Penalva e Bernat Fiol.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 17/06/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido en 2022, é un proxecto de acción para a promoción e o fomento da lectura, que reúne durante dúas xornadas figuras da narrativa peninsular, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz. En 2023, a segunda edición do FLAZ contou ademais co apoio do Ministerio de Cultura a través da liña de axudas de promoción do libro e da lectura.

Presentación do FLIZ 2024. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación do FLIZ 2024. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O pasado 14 de xuño presentábase en Allariz esta terceira edición coa participación da alcaldesa, Cristina Cid; da concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, María López; e do director do festival, César Lorenzo.

ENCONTROS PROGRAMADOS

O primeiro deles leva por título "Memoria e historia na novela". Será un diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide e desenvolverase o día 5 de xullo ás 19:30 h. na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. 

O sábado 6 de xullo, pola mañá, ás 12:00 h. a Fábrica de Allariz acollerá un diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol, dous experimentados e recoñecidos axentes literarios. "Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar", será o suxestivo título desta xuntanza divulgativa.

Casanovas Lynch, con sede en Barcelona, é a axencia literaria na que Marina Penalva desenvolve a súa actividade profesional desde 2019. Trátase dunha axencia especializada en autores literarios de España e América Latina (Javier Marías, Juan Gabriel Vásquez, Manuel Jabois, Juan José Millás, Mariana Enriquez, entre outros), onde Penalva se encarga da xestión dos dereitos domésticos, de tradución e tamén audiovisuais dun grupo de autores (Andrea Abreu, Irene Solà, Irene Vallejo, Munir Hachemi, Gabi Martínez, Miguel Ángel Hernández, Karina Sainz Borgo ou Brais Lamela, entre outros). Casanovas Lynch conta cun catálogo de autoras e autores que ademais, destaca, por desprazar os eixos da literatura actual fóra da ponte Madrid-Barcelona.

No caso do mallorquín Bernat Fiol, tras traballar como axente a tempo completo na axencia literaria Antonia Kerrigan, fundou SalmaiaLit en 2008. É axente de autores de gran prestixio como Eider Rodríguez, Miquel Martín, Raül Garrigasait e Eva Baltasar, entre outros. Dez anos antes, en 1998, instalarase en Barcelona para estudar Filoloxía Inglesa e desde 2001 traballa no sector editorial. Ademais traballou como libreiro no centro cultural e libraría Espai Mallorca e colaborou esporadicamente cos departamentos de prensa dalgunhas editoriais.

Na tarde do sábado, ás 17:30 h., está programado o encontro que xunta ás autoras Marta Orriols e Berta Dávila, catalá e galega respectivamentebaixo o título "A vida cotiá como materia prima na literatura actual".

E xa para rematar o FLIZ 2024, ás 19:30 h., a sesión que leva por título “Escribir e publicar non son a mesma cousa”. Será unha mesa redonda que contará coa participación de todas as figuras convidadas: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila.

Ademais do Concello de Allariz, o FLAZ conta co apoio de diferentes establecementos e empresas da contorna como Xeitura Patrimonio Sociedade Cooperativa, Fina Rei, os restaurantes Fio de Liño e Alarico, a libraría Maruxairas e Aira Editorial. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta