Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2024 | Actualizada ás 13:08
A Xunta iniciou o proceso de elaboración dos Orzamentos da comunidade para 2025, unhas contas que impulsarán a vivenda, as infraestruturas sanitarias e priorizarán a execución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no seu último exercicio completo, para dar cumprimento aos fitos e obxectivos previstos.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos do próximo exercicio que marcan as bases do plan financeiro do Goberno galego para o próximo ano.
Segundo informa a Xunta, os orzamentos de 2025 terán o obxectivo de impulsar o crecemento potencial da economía galega mediante os investimentos estruturais precisas para contar cun tecido industrial "máis moderno, produtivo, sustentable e competitivo", no marco dunha economía global e conectada. Así, incidiu en que se trata de desenvolver proxectos transformadores de dixitalización e que fomenten as fontes de enerxía limpas, tanto no ámbito público como no privado.
"MODERNIZACIÓN" DOS SERVIZOS PÚBLICOS
As contas do próximo ano proseguirán, sostén o Executivo autonómico, coa modernización dos servizos públicos fundamentais como "instrumento básico de solidariedade e redistribución". Deste xeito, potenciarán o parque de vivenda social, "apoiando ás familias e aos colectivos máis vulnerables" co obxectivo de reducir o risco de exclusión, en liña cos retos do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030.
No ámbito sanitario, recollerán "unha política ampla de investimentos" para dotar a sanidade pública con equipos, infraestruturas e medios que garantan unha cobertura sanitaria que incida na mellora da saúde da poboación galega.
No ámbito educativo, despregaranse investimentos sociais que "contribúan á formación de calidade e á igualdade de oportunidades", a través dunha administración educativa "moderna, dinámica e innovadora", con "unha aposta decidida" pola formación profesional e as novas metodoloxías. Será, ademais, o primeiro curso académico no que se aplicará a gratuidade das matrículas universitarias, consolidando o modelo de educación gratuíta desde a gardaría ata a educación superior.
Neste marco, e en relación aos servizos sociais, estes orzamentos centraranse en seguir apoiando aos colectivos máis vulnerables con actuacións públicas destinadas a paliar e reducir as desigualdades.
Os obxectivos fixados para o orzamento de 2025 manteñen o PEG 2030 como "horizonte das liñas de investimento e gasto do orzamento", que terán tamén unha visión transversal das políticas de gasto con perspectiva de xénero, impacto na infancia e un informe do orzamento en clave de obxectivos da Axenda 2030 e a transición ecolóxica.
ESTRUTURA
A elaboración dos orzamentos para 2025 estruturarase, do mesmo xeito que as contas vixentes, ao redor de catro comisións, empezando pola de análise e avaliación de obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado.
As outras tres son a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos e Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), que establece a programación dos anteriores fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.