GC Aberto

Reivindicacións para un mellor tren de media distancia en Galicia

Catro reivindicacións chave para mellorar o día a día no tren: fiabilidade, horarios, frecuencias e prezos democráticos.

Por SindicatodeXornalistasdeGalicia | Compostela | 18/06/2024

Comparte esta noticia

 

Pasaxeiros nunha estación de tren
Pasaxeiros nunha estación de tren | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Reunión de representantes das plataformas de Media Distancia Galicia e Perder O Tren, co Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e coa directora de Mobilidade, Judit Fontenla, que puxeron encima da mesa os principais problemas que padecen os usuarios e usuarias dos servizos de Media Distancia da comunidade galega, salientando catro puntos que consideran importantes para un transporte ferroviario máis eficiente e que responda á demanda actual da mobilidade galega no día a día:

1. Fiabilidade. Os atrasos e a suspensión de circulacións supoñen un dos principais problemas para os usuarios/as nos dous eixos ferroviarios (A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense, aínda que os principais atrasos cronificados de 5 a 20 minutos (mesmo máis) prodúcense no eixo atlántico que une Vigo coa Coruña. Tamén na Coruña-Ourense, que non son tan continuos, pero si que se rexistran de forma esporádica, con trens que chegan a sumar máis atraso que a duración do traxecto, principalmente as prazas sinerxiadas (prazas ao dispor de abonados do servizo público en trens comerciais). A única medida coñecida e implantada do plan contra os atrasos nos servizos ferroviarios foi o aumento da duración de traxectos de estación a estación, sen abordar dunha forma estrutural os principais problemas da infraestrutura, o material rodante ou a información a viaxeiros, entre outros. 

2. Horarios. Actualmente non hai ningún tren Media Distancia (velocidade e tempo competitivos) que conecte a cidade da Coruña e Santiago con Vigo que chegue á cidade olívica antes das 8.00 horas e o primeiro tren madrugador cara á Coruña chega xusto a esa hora. Unha hora punta para dar comezo á xornada laboral, ás clases na universidade e outros centros de estudos, sanitarios ou administrativos. Tampouco hai ningunha oferta máis aló das 20.00 horas que conecte A Coruña con Ourense nin máis aló das 20.20 horas que conecte Santiago con Ourense. Todas elas, reivindicacións que levan reclamando os usuarios e usuarias desde que se renovou a normalidade despois da pandemia que provocou o COVID-19. 

3. Frecuencias. As plataformas que ven na chegada dos servizos Ave cos trens Avril un revulsivo para conectar e modernizar a mobilidade nos dous eixos ferroviarios para aumentar o número de frecuencias e tamén saber cantas prazas sinergiadas de Media Distancia, poderanse gozar neses trens comerciais que conectan as cidades galegas. A día de hoxe aínda sen confirmar, os usuarios ven unha boa oportunidade, para paliar a falta de oferta propia con trens de servizo público, que se abran novas prazas nestes trens. Tamén demandan recuperar frecuencias de rexionais que sirvan de lanzadeiras e aquelas frecuencias que se suprimiron pola chegada do COVID-19 en 2020. 

4. Prezos. A bonificación do transporte ferroviario, actualmente gratuíto para a mobilidade cotiá obrigada, supuxo un incentivo para aumentar a demanda dos dous eixos. No Eixo Interior A Coruña Santiago Ourense, pasouse de 500.000 viaxeiros a 1,5 millóns de 2021 a 2023 e no mesmo período de tempo no Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña (a segunda liña de Media Distancia en España máis utilizada) chegouse ata os 2,5 millóns de viaxeiros. Este escenario sería impensable na realidade socioeconómica dos galegos e galegas sen a bonificación do transporte ferroviario, xa que antes abonos do servizo público de 25-50 viaxes, podían supoñer entre 270 e 450 euros ao mes e un de 10 chegaban ata os 180 euros. O fin da bonificación está previsto en decembro de 2024, polo que os usuarios e usuarias demandan abonos alcanzables que sirvan para democratizar o acceso a un servizo esencial de mobilidade que xera igualdade de oportunidades, desprazamentos máis limpos e tamén máis seguros, evitando a dependencia de vehículos particulares, e a conxestión, accidentes, ruído, emisións e problemas de aparcamento que conleva esta dependencia nas principais cidades de Galicia.  

Na devandita reunión, tamén se puxo sobre a mesa iniciativas entre o goberno galego e as plataformas de usuarios e usuarias do tren centrando o diálogo na intermodalidade dos diferentes medios de transporte que conflúen e viven nas principais cidades galegas. 

PILOTO BUSES PRINCIPAIS ESTACIONES–ÁREAS METROPOLITANAS 

A reunión enmarcouse nunha toma de contacto frutífera para mellorar a mobilidade galega desde diferentes puntos, centrada na mobilidade sostible e reivindicando infraestrutura e servizos de transporte colectivo como autobuses interurbanos que permitan o transporte “porta a porta” de miles de persoas que se moven diariamente por estudos ou traballo nas principais cidades galegas con paso por estacións e servizos ferroviarios. Con afán de vertebrar o territorio, as plataformas manifestaron tamén a importancia de conectar as principais estacións coas súas áreas de influencia ou metropolitanas para dar unha cobertura maior á poboación e seguir avanzando na descarbonización do transporte, así como atender ás múltiples demandas das persoas que usan e apostan polos servizos de transportes públicos como a súa mobilidade diaria. 

Nas próximas semanas as plataformas continuarán os seus contactos con reunións cos grupos con representación no parlamento galego, os Socialistas de Galicia e o Bloque Nacionalista Galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta