Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/06/2024 | Actualizada ás 13:50
Cambio de estación. Ás 22 horas e 51 minutos deste xoves 20 de xuño dará comezo o verán no hemisferio norte. Nese intre o Sol estará no punto Cáncer da eclíptica, ou solsticio de xuño, acadando a máxima elevación (declinación máxima) con respecto do ecuador celeste. Nestes días, polo tanto, teremos a meirande diferencia entre o día e a noite. Porén, debido a que o tempo oficial se mide con respecto ao chamado Sol medio, sucede que o día no que o Sol sae antes xa foi o 15 de xuño e cando máis tarde ten lugar o solpor corresponde ao 27 deste mes.
A estación que agora comeza vaise prolongar ata as 14.44 horas do 22 de setembro, de maneira que estes 93,66 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro. O día 5 de xullo, a Terra pasará polo afelio, punto de máxima distancia ao Sol, sendo esta de 152,1 millóns de quilómetros. A distancia mínima (perihelio) tivo lugar o 3 de xaneiro, a unha distancia de 147,1 millóns de quilómetros.
PERSEIDAS E COMETAS
Este ano, a visión da chuvia de estrelas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto vai coincidir coa Lúa en cuarto crecente, o cal apenas vai afectar a visión dos meteoros dado que en Galicia o noso satélite natural se ocultará sobre a unha da madrugada. Dende lugares sen contaminación luminosa poderían chegarse a observar sobre 100 meteoros/hora, contando tamén os moi febles. Ademais, a comezos de xullo existe a posibilidade de poder observar a simple vista o cometa 13/P Olbers.
Xusto a finais do verán (entre as 4.13 e as 5.16 horas na noite do 17 ao 18 de setembro) vai ter lugar unha eclipse parcial de Lúa pero de moi pouca magnitude, sendo practicamente penumbral. Precisamente, esta data coa Lúa chea vai coincidir coa mínima distancia Terra-Lúa (perixeo lunar), o cal traerá como consecuencia importantes mareas vivas, máis aínda estando tan preto do equinoccio.
En canto aos planetas hai que comentar que actualmente Marte, Xúpiter e Saturno son visibles ao amencer, seguindo así no mes de xullo, pero podéndose xa ver dende mediados dese mes Venus logo do solpor. Haberá que agardar a setembro para que Saturno poda ser observado ao longo de toda a noite. A mediados de agosto asistiremos a un curioso achegamento aparente de Marte e Xúpiter, en tanto que o día 21 do mesmo mes, a Lúa ocultará a Saturno.
DIVULGACIÓN
Como en anos precedentes, durante o verán o Observatorio Astronómico Ramón María Aller vai impartir sesións públicas de divulgación astronómica en varios concellos galegos. Este ano a través de programas financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia e mais o Consello Social da USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.