Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2024 | Actualizada ás 16:24
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez, asinaron este xoves o convenio que dá lugar á nova convocatoria do Premio Narrativa Breve en lingua galega.
Na que será a súa 18ª edición, este galardón ofrece a posibilidade ao gañador de publicar a súa obra coa Editorial Galaxia e unha dotación económica de 12.000 euros. Segundo explican nun comunicado, o obxectivo da iniciativa é "promover e reforzar" a creación literaria en galego "para dar a coñecer novos escritores".
"Na nosa comunidade, máis do 60% da poboación afirma ler en galego tanto de forma habitual como ocasional e iso é grazas á contribución de premios como este, que xa contan con anos de traxectoria", apuntou o conselleiro. Lembrou ademais que desde o nacemento deste premio en 2006 presentáronse máis de 500 obras orixinais. "Isto denota o amplo volume de creación de obras na nosa lingua", sinalou.
Nesta edición, a convocatoria para enviar as obras estará aberta ata o próximo 31 de xullo e os autores deberán remitir textos orixinais e escritos en galego, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Unha vez pechado o prazo, será un xurado o que decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer en setembro. Este tribunal estará composto por cinco membros, que representarán á Xunta de Galicia, á Fundación Repsol, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.